Noticias

Sanidade pon á disposición da cidadanía un autotest con información sobre o coronavirus na páxina web do Sergas

A Consellería de Sanidade vén de publicar un autotest para que a cidadanía poda consultar síntomas e resolver dúbidas relacionadas con esta enfermidade. Coa posta en marcha deste test interactivo, elaborado por persoal sanitario, proporciónase á poboación un sistema áxil e inmediato no que atopar información actualizada sobre cuestións relacionadas co coronavirus. Ademais o feito de que o test personalice as respostas, a través de preguntas concretas, permite ofrecer recomendacións adaptadas á situación particular de cada persoa. Esta nova ferramenta de información e consulta, súmase a outras iniciativas relacionadas coa atención a esta enfermidade, como o teléfono gratuíto 900 400 116.

A Consellería de Sanidade vén de publicar, a través da páxina web https://coronavirus.sergas.es, que o Servizo Galego de Saúde dedica de xeito exclusivo ao coronavirus, un autotest para que a cidadanía poda consultar síntomas e resolver dúbidas relacionadas con esta enfermidade.

Coa posta en marcha deste test interactivo, elaborado por persoal sanitario, proporciónase á poboación un sistema áxil e inmediato no que atopar información actualizada sobre cuestións relacionadas co coronavirus. Ademais o feito de que o test personalice as respostas, a través de preguntas concretas, permite ofrecer recomendacións adaptadas á situación particular de cada persoa.

Esta nova ferramenta de información e consulta, súmase a outras iniciativas relacionadas coa atención a esta enfermidade, xa postas en marcha desde Consellería de Sanidade, como o teléfono gratuíto 900 400 116 que nestes días incrementou a súa demanda asistencial ata nun 60%.

Entradas personalizas segundo cada situación

O test, que está dispoñible en galego e castelán, presenta catro entradas que formulan as diferentes situacións que poden estar a vivir as persoas que o realizan, así como información sobre as dúbidas máis frecuentes acerca de temas relacionados co coronavirus. No primeiro lugar está a opción para as persoas que teñan síntomas e que estean preocupadas porque cren que poda deberse ao coronavirus. Neste caso a través do recoñecemento dos síntomas que presenta a persoa (tose, dificultade para respirar, febre maior de 38º ou sen síntomas) e a través dun sinxelo interrogatorio danse recomendacións ou se indica como acceder ao sistema sanitario para que sexa atendido por profesionais sanitarios.

A segunda entrada é para aqueles que se atopan illados ou confinados na casa. Neste caso, danse unha serie de indicacións sobre o que deben facer mentres permanezan na súa vivenda. Tamén se indica o que deben facer no caso de que estean pendentes de que se lle tomen as mostras para saber se están contaxiados, no caso de que estean á espera dos resultados das mesmas ou se empeorou a súa clínica desde o confinamento.

A terceira entrada informa a aqueles que deran positivo nesta enfermidade e ofrece as recomendacións a seguir mestres estean confinados ou no caso de que a súa clínica empeorase desde que permanecen no domicilio. Por último, a cuarta entrada ofrece información sobre as dúbidas máis frecuentes acerca de temas relacionados co coronavirus.

Cómpre recordar que o novo coronavirus transmítese principalmente por vía respiratoria e polo contacto directo con secrecións respiratorias e que na maioría dos casos a infección por esta enfermidade é similar a un arrefriado común.

A Consellería de Sanidade solicita, unha vez máis, que se empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella chamar os seus centros de saúde ou utilizar o número gratuíto 900 400 116, que vén de ser reforzado con máis persoal, para facilitar información xeral sobre o coronavirus. Neste número, pódense resolver as dúbidas dos cidadáns ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

R., 2020-03-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (wos-festival-2025.jpg) A novena edición do WOS Festival x SON Estrella Galicia reunirá 26 proxectos de música electrónica e experimental contemporánea, con propostas que transitan pola composición electroacústica, a música de club, a improvisación, a performance audiovisual e diferentes formatos híbridos. A programación destaca ademais pola súa dimensión internacional e polo carácter inédito de boa parte das propostas. Así, 13 dos 26 proxectos da programación principal chegarán a Santiago sendo estreas en España. Entre eles figura a presentación mundial do novo concerto audiovisual de Blood of Aza.
Foto de la tercera plana (a-serie-clopen.jpg) A reposición dálle continuidade á aposta do Centro Dramático Galego por recuperar títulos do seu repertorio que manteñen a demanda do público máis alá da súa primeira exhibición. No caso de 'A serie clopen', as 33 funcións ofrecidas no Salón Teatro durante a súa estrea en 2025 reuniron arredor de 5.500 espectadores, antes de iniciar unha serie de representacións por outros espazos de Galicia e de Portugal. O regreso aos escenarios prodúcese despois do recoñecemento acadado pola produción nos Premios de Teatro María Casares, pois obtivo dous galardóns: Natalia “Pajarito”, como mellor actriz protagonista, e Marta Alonso Tejada, pola dirección de movemento.

Notas

Charo Lopes (Boiro, 1988) é a gañadora do XXIII Premio González Garcés de Poesía, convocado pola Deputación da Coruña, coa obra 'O diálogo das siamesas', presentada baixo o seudónimo de María Dolores Oliveira. Charo Lopes é licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela (2010), titulada superior en Fotografía Artística pola ESAD Antonio Faílde (2012) e Máster en Literatura, Cultura e Diversidade pola Universidade da Coruña (2018).
Logo dos traballos desenvolvidos no Corro dos Mouros entre 2023 e 2025, a cuarta campaña de escavacións na parroquia de Santa María Madalena de Adai (Lugo), na propiedade da Asociación da Comunidade de Montes M.V.M.C. Vecinos de Adai, profunda agora en dous abrigos, un deles, coñecido como Pena Travesa, cun petróglifo con deseños complexos de cazoletas na parte superior da rocha.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES