
As cociñas económicas e comedores sociais deberán manter o seu funcionamento habitual, tomando as medidas necesarias para que se limite a presenza simultánea de comensais a un terzo do aforo, e reforzando o subministro de comida para o consumo fóra do centro.
No tocante aos centros de atención social continuada, cómpre salientar que estes manterán a súa actividade, tomando as medidas necesarias para que se limite a presenza simultánea de persoas usuarias a un terzo do aforo. Pola súa banda, os centros de día de inclusión social suspenderán a súa actividade regular durante o período de emerxencia sanitaria, agás os servizos de mantemento da hixiene -como ducha ou lavandería- e os servizos de calor e café.
Por outra banda, as visitas aos centros residenciais de servizos sociais (como, por exemplo, residencias de persoas maiores ou con discapacidade) quedan restrinxidas agás en casos excepcionais debidamente autorizados pola dirección do centro.
En relación coa suspensión da actividade comercial minorista, inclúense dentro das excepcións as actividades e establecementos correspondentes a bens de primeira necesidade: ópticas; a actividade das lonxas; e comercio ao retallo de ferraxería, pintura e vidro en establecementos especializados, en tanto que se trata de actividades que deben subministrar ao sector primario, gandeiro, pesqueiro e agrícola elementos necesarios para a continuación da súa actividade.
Así mesmo, o documento precisa que todos os establecementos comerciais de primeira necesidade terán liberdade horaria, para fixar sen limitacións o peche e a apertura dos seus establecementos comerciais.
Por outra banda, suspéndese tamén a actividade económica dos concesionarios de venda de automóbiles. Se ben, os establecementos que combinen reparación con venda de vehículos, soamente poderán realizar a actividade de reparación.
Así mesmo, suspéndense as actividades económicas correspondentes a academias, autoescolas e perruquerías, con excepción da prestación a domicilio, desta últimas, para garantir o servizo. E poderá seguir realizándose o labor dos gabinetes de psicoloxía e pedagoxía.
Ante as consultas formuladas, o texto aclara tamén que poden permanecer abertas, por exemplo: actividades sanitarias e de servizos sociais -entre elas, actividades hospitalarias, médicas e odontolóxicas, asistencia en establecementos residenciais-; actividades financeiras e de seguros; actividades profesionais, científicas e técnicas; actividades administrativas e servizos auxiliares; asistencia en establecementos residenciais con coidados sanitarios; actividades de servizos sociais sen aloxamento; reparación de ordenadores, efectos persoais e artigos de uso doméstico; lavado e limpeza de prendas téxtiles e de pel; pompas fúnebres e actividades relacionadas; fisioterapeutas; e técnicos de reparación e mantemento.
Aos establecementos comerciais exceptuados da suspensión requíreselles que adopten as medidas de organización e instrucións á cidadanía asistente que sexan necesarias para o cumprimento das medidas de prevención establecidas. Reforzaranse as medidas preventivas no centro de traballo sobre a hixiene individual e colectiva, limpeza e medidas de contacto próximo sen prexuízo das medidas especificas que requiran cada situación e o reforzo da protección das persoas identificadas como especialmente sensibles.
Sobre a permanencia nos establecementos comerciais cuxa apertura estea permitida, deberá ser a estritamente necesaria para que os consumidores poidan realizar a adquisición de alimentos e produtos de primeira necesidade, quedando suspendida a posibilidade de consumo de produtos nos propios establecementos. En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade de, polo menos, un metro a fin de evitar posibles contaxios. Os encargados dos establecementos e persoal de seguridade serán os directamente responsables de facer cumprir estas medidas.
No ámbito do servizo público de emprego de Galicia, e en coordinación co Servicio Público de Emprego Estatal (SEPE), adóptanse as seguintes medidas: non será necesario renovar a demanda de emprego ata o 30 de abril. Se se teñen que realizar trámites urxentes na demanda, poderán facerse a través da oficina virtual ou chamando á correspondente oficina de emprego e quedan suspendidas as citas.
En relación co Camiño de Santiago, e como consecuencia do peche de albergues da rede pública: actívase un servizo de acollida provisional no albergue público do Monte do Gozo, en Santiago, para aos peregrinos que se atopen en tránsito e mentres non dispoñan doutros medios de regreso ou aloxamento. E no aloxamento deberán cumprirse as normas de prevención determinadas polas autoridades sanitarias.
Por último, non estarán permitidas as actividades de uso público no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, tales como o desembarque e as actividades recreativas nas illas. Se ben, quedan exentos os veciños das illas e a pesca ou marisqueo profesional, así como o persoal do parque nacional no desempeño das súas función.
Suspéndese a realización de queimas nos terreos rústicos, quedando sen efecto as autorizacións e comunicacións de queimas xa notificadas ou efectuadas. E tamén estarán permitidos os servizos que ofrecen os veterinarios, tanto das empresas privadas como dos servizos oficiais.
Foron presentadas as xornadas Galicia Biodays, que buscan posicionar Galicia como un territorio de referencia en innovación biotecnolóxica no ámbito internacional. Este evento vaise celebrar os días 6 e 7 de maio no Auditorio Mar de Vigo, e permitirá reforzar a marca Galicia Calidade en biotecnoloxía, fomentar o intercambio de coñecemento e establecer novas colaboracións científicas, empresariais e institucionais. Está previsto que asistan máis de 1000 persoas de 9 biorrexións convidadas, con máis de 130 relatores.
Alfonso Rueda informou de que o Consello deu conta do inicio da tramitación do anteproxecto da que será 'a primeira Lei do terceiro sector da acción social de Galicia'. Unha norma que busca 'unificar nun único texto legal a regulación deste eido e recoñecer de xeito formal o seu traballo e o papel que xogan as entidades na sociedade galega'. A necesidade de aprobar esta lei xustifícase na importante presenza destas entidades en Galicia, preto de 1.500, -que constitúen 'unha auténtica rede de solidariedade', segundo resaltou a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García-, para apoiar as persoas e fogares máis vulnerables.