Noticias

Feijóo apela á lealdade entre administracións e entre os cidadáns para seguir actuando nesta crise desde a unidade e a coordinación

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, apelou hoxe á lealdade entre administracións e entre os cidadáns para seguir actuando nesta crise desde a unidade e a coordinación. “Este estado de alarma require unha recíproca lealdade duns e doutros, entre todas as administracións públicas, porque son os cidadáns aos que servimos e son os que marcan a necesidade da coordinación, da responsabilidade e da unidade”, dixo. Tras presidir a primeira reunión do Centro de Coordinación Operativo (Cecop), posto en marcha para facer fronte á emerxencia do coronavirus, Feijóo incidiu en que a reacción ha de ser colectiva e tenaz. E fixo un chamamento á tranquilidade nalgúns ámbitos.

O primeiro deles: no subministro que, asegurou, está garantido. Ao respecto, o titular da Xunta avanzou que desde a Administración autonómica remitirase unha instrución con todas as recomendacións aos supermercados, co obxectivo de que garantan a distancia de seguridade e que non se supere un terzo do aforo.

“E pedimos a todos os cidadáns, tranquilidade e responsabilidade. Os supermercados e as tendas de alimentación estarán abertos e surtidos”, abundou, subliñando que, con este obxectivo, determinouse a liberdade horaria para todos os establecementos aos que se permite abrir, para facilitar a atención aos cidadáns.

Feijóo tivo tamén unha mención especial para os servizos básicos ás persoas sen fogar, que deben blindarse neste contexto de emerxencia. Así, a Xunta asegurará a apertura de todos os albergues sociais, para que poidan pernoitar; as cociñas económicas e comedores sociais deberán manter o seu funcionamento habitual, limitando a presenza simultánea de comensais a un terzo do seu aforo e reforzando o subministro de comida para o consumo fóra do centro. E, outros centros de inclusión social limitarán a súa actividade e ofrecerán unicamente servizos de ducha, lavandería e os coñecidos como calor e café.

En materia sanitaria, resaltou a aprobación dunha instrución dirixida aos xerentes das áreas sanitarias, para que procedan a reprogramar a atención sanitaria ordinaria, co alcance que sexa necesario para responder ás necesidades extraordinarias que vaian xurdindo.

Sobre a xestión do lixo, o presidente do Goberno galego aseverou que a Xunta garante a resposta da planta de tratamento en Sogama e os concellos están preparados para atender a recollida. “E tamén se suspenden as queimas, deixando sen efecto as autorizadas e que aínda non se realizasen”, engadiu.

“Concretamos tamén a forma en que os empresarios públicos da administración xeral da Xunta poidan permanecer nas súas casas con teletraballo e aquela de carácter excepcional para determinados servizos que requiran a súa presenza”, dixo. E, en materia educativa, destacou que soamente o equipo directivo necesitará permanecer nos centros docentes: xefe de estudos, secretario e director.

“Todos os empregados públicos da comunidade terán mañá no DOG o alcance de todas estas cuestións”, precisou.

O titular do Goberno galego concluíu subliñando que todas estas medidas deberán adaptarse ás que se deriven do Real Decreto Lei anunciado polo presidente do Goberno.

Feijóo tivo tamén palabras de agarimo e afecto para os familiares e amigos da muller falecida na comunidade, a consecuencia das doenzas agravadas pola infección de coronavirus. E recordou que neste momento, a Comunidade contabiliza 153 persoas infectadas.

R., 2020-03-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (wos-festival-2025.jpg) A novena edición do WOS Festival x SON Estrella Galicia reunirá 26 proxectos de música electrónica e experimental contemporánea, con propostas que transitan pola composición electroacústica, a música de club, a improvisación, a performance audiovisual e diferentes formatos híbridos. A programación destaca ademais pola súa dimensión internacional e polo carácter inédito de boa parte das propostas. Así, 13 dos 26 proxectos da programación principal chegarán a Santiago sendo estreas en España. Entre eles figura a presentación mundial do novo concerto audiovisual de Blood of Aza.
Foto de la tercera plana (a-serie-clopen.jpg) A reposición dálle continuidade á aposta do Centro Dramático Galego por recuperar títulos do seu repertorio que manteñen a demanda do público máis alá da súa primeira exhibición. No caso de 'A serie clopen', as 33 funcións ofrecidas no Salón Teatro durante a súa estrea en 2025 reuniron arredor de 5.500 espectadores, antes de iniciar unha serie de representacións por outros espazos de Galicia e de Portugal. O regreso aos escenarios prodúcese despois do recoñecemento acadado pola produción nos Premios de Teatro María Casares, pois obtivo dous galardóns: Natalia “Pajarito”, como mellor actriz protagonista, e Marta Alonso Tejada, pola dirección de movemento.

Notas

Charo Lopes (Boiro, 1988) é a gañadora do XXIII Premio González Garcés de Poesía, convocado pola Deputación da Coruña, coa obra 'O diálogo das siamesas', presentada baixo o seudónimo de María Dolores Oliveira. Charo Lopes é licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela (2010), titulada superior en Fotografía Artística pola ESAD Antonio Faílde (2012) e Máster en Literatura, Cultura e Diversidade pola Universidade da Coruña (2018).
Logo dos traballos desenvolvidos no Corro dos Mouros entre 2023 e 2025, a cuarta campaña de escavacións na parroquia de Santa María Madalena de Adai (Lugo), na propiedade da Asociación da Comunidade de Montes M.V.M.C. Vecinos de Adai, profunda agora en dous abrigos, un deles, coñecido como Pena Travesa, cun petróglifo con deseños complexos de cazoletas na parte superior da rocha.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES