
Así mesmo, están suspendidas as prácticas que realizan os alumnos dos graos en Ciencias da Saúde ou doutras titulacións e ciclos formativos, en calquera centro sanitario situado na Comunidade.
No ámbito de política social, o titular do Goberno galego informou do peche dos centros sociocomunitarios a partir de mañá. Ademais, da limitación das visitas aos residentes maiores de 70 anos ou con patoloxías cardíacas ou respiratorias previas; non aceptar visitas de persoas con síntomas respiratorios ou febre e de limitar a presenza de residentes en actividades en espazos pechados.
Sobre as actividades deportivas, Feijóo resaltou a suspensión da actividade do programa Xogade; e a suspensión ou celebración a porta pechada de todas as actividades deportivas, incluíndo as municipais, que conleven asistencia de público.
Así mesmo, lembrou que, onte mesmo, a Administración autonómica pediu ás federacións que toda competición deportiva oficial sexa disputada a porta pechada e incluso, sempre que sexa posible, suspendida ou aprazada.
Novas limitacións de aforo
No tocante a outras actividades, o responsable do Goberno galego anunciou novas limitacións de aforo: en recintos pechados con capacidade para máis de 50 persoas, limitarase a asistencia a un terzo do aforo. É dicir, nun espazo, por exemplo, de 900 persoas, non poderán acceder máis de 300, abundou, recordando a suspensión de todas as actividades colectivas celebradas en espazos pechados que impliquen máis de 1.000 persoas; e, no caso de espazos abertos, limítase o aforo a 500 persoas.
Ademais, péchanse os museos, as bibliotecas e os arquivos xestionados pola Xunta de Galicia; e recomendamos que se faga o mesmo neste tipo de recursos culturais xestionados por calquera entidade pública ou privada, dixo Feijóo.
En relación á Función Pública, salientou a aprobación dun protocolo de actuación para os empregados públicos da Xunta que, entre outros aspectos recolle: pautas e recomendacións, medidas de protección, a posibilidade de adoptar medidas de flexibilidade horaria, a posibilidade de poñer en marcha o teletraballo e a posible reorganización das quendas de traballo. Ademais, a suspensión na Casa de Galicia en Madrid de calquera actividade que aglutine grupos de persoas, como concertos, inauguracións ou conferencias.
No ámbito sanitario, ademais de limitar a unha persoa como acompañante do paciente durante a estadía no centro, suspéndense as visitas dos visitadores médicos e farmacéuticos e as actividades de voluntarios, e promoverase a e-consulta e a consulta telefónica.
Cómpre salientar tamén que, a maiores do material xa adquirido e anunciado no pasado Consello, hoxe o Consello da Xunta autorizou un convenio co Servizo Vasco de Saúde para subministro sucesivo de mascarillas a Galicia nos próximos tres meses.
En definitiva, seguimos a traballar en todas as frontes para minimizar o impacto do coronavirus, e seguimos crendo que hai que actuar canto antes e con anticipación; o obxectivo é cortar as posibilidades de contaxio e iso só se fai prevendo e non esperando a que haxa unha incidencia superior, dixo, lembrando que, baixo este obxectivo, habilitouse un teléfono de información, o 900 400 116, para atender as dúbidas dos cidadáns, reforzouse o 061, contratáronse 60 novos profesionais e destináronse case dous millóns de euros á compra de material para os hospitais.
Reunión da Comisión Interdepartamental e encontros sectoriais
Logo de especificar que todas as medidas se publicarán mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG), Feijóo confirmou que esta mesma tarde volverá presidir a Comisión Interdepartamental, posta en marcha para coordinar a resposta da Xunta ante esta crise e ofrecer información puntual e recomendacións a toda a cidadanía, e na que hoxe tamén se analizarán as decisións adoptadas no Consello de Ministros.
Ademais, estanse xa a levar a cabo encontros sectoriais cos distintos colectivos -sindicatos e representantes empresariais, sector do turismo, Fegamp, federacións deportivas, reitores, directores de centros educativos e formacións políticas, entre outros-.
Durante a rolda de prensa, Feijóo tamén lembrou que, o vindeiro luns, manterá unha reunión cos responsables das distintas formacións políticas para analizar a evolución do coronavirus e para trasladarlles toda a información do que aconteza na reunión de presidentes autonómicos, prevista para o vindeiro sábado a través de videoconferencia.
O presidente da Xunta concluíu facendo un chamamento á cidadanía sobre a atención ás recomendacións. Seguiremos en preaviso e en prealerta desde a máis estrita responsabilidade, aseverou, precisando que, ás 13,00 horas, os casos confirmados en Galicia son 35 e os casos pendentes de confirmación son 28.
O Festival Maré celebrará do 23 ao 27 de setembro a súa sétima edición en Santiago de Compostela, cunha programación que volve situar a cidade como punto de encontro de culturas, linguas e diferentes expresións musicais. A cita reunirá artistas de máis de 16 países e con representación de 12 linguas. A programación desta sétima edición estará formada por máis de 30 espectáculos, catro producións propias, oito propostas inéditas en Galicia e unha estrea absoluta. Entre os principais nomes do cartel atópanse Aterciopelados, Bia Ferreira, Omar Souleyman, Haydée Milanés & Javier Colina, Ala.ni, António Zambujo, Magalí Sare & Vox Stellae e Marcos Coll.
A reposición dálle continuidade á aposta do Centro Dramático Galego por recuperar títulos do seu repertorio que manteñen a demanda do público máis alá da súa primeira exhibición. No caso de 'A serie clopen', as 33 funcións ofrecidas no Salón Teatro durante a súa estrea en 2025 reuniron arredor de 5.500 espectadores, antes de iniciar unha serie de representacións por outros espazos de Galicia e de Portugal. O regreso aos escenarios prodúcese despois do recoñecemento acadado pola produción nos Premios de Teatro María Casares, pois obtivo dous galardóns: Natalia Pajarito, como mellor actriz protagonista, e Marta Alonso Tejada, pola dirección de movemento.