
A posta en valor das terras abandonadas aptas para cultivos ou prados suporía para a economía galega a creación de máis de 15.000 empregos (entre directos e inducidos) baseados en actividade agrícola, gandeira e forestal. Así o destacou o conselleiro do Medio Rural, José González, durante a súa participación na 5ª edición do Galicia Market Place, que se celebra na sede do Círculo de Empresarios de Galicia.
Tras realizar un percorrido polos distintos postos, o conselleiro falou dun sector primario galego con moita capacidade de xeración de valor engadido e que é o mecanismo que nos vai permitir loitar contra o despoboamento e revitalizar o rural galego. Ante os empresarios, José González explicou as posibilidades que ofrecen as ferramentas de mobilización que contempla a futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria, entre as que salientou os polígonos agroforestais, as aldeas modelo, as agrupacións de xestión forestal conxunta e as permutas de especial interese agrario. Todas elas -subliñou- teñen carácter voluntario e beneficiarán tanto aos propietarios como aos agricultores, gandeiros e silvicultores, ademais de aos novos emprendedores e investidores.
O titular de Medio Rural situou esta norma como un dos eixes do crecemento do rural, xunto coa consolidación dos sectores produtivos tradicionais -leite, carne, viño e forestal- e a diversificación cara á agricultura e gandaría ecolóxica, as plantacións de cereal ou a recuperación dos soutos, entre outras. Dixo que a Xunta aposta por un rural rendible e hoxe llo queremos explicar aos nosos empresarios porque tamén é un espazo onde pode haber inversión, un acompañamento aos nosos agricultores e gandeiros para sacar adiante esa rendibilidade.
Así, o conselleiro falou dun rural transversal, concienciado co coidado do medio e que aposta pola formación e a investigación para converterse nun verdadeiro motor da innovación económica da Galicia que vén, a de 2030. Nesa liña, José González apuntou que a Consellería do Medio Rural seguirá traballando para consolidar a transferencia de coñecementos e tecnoloxía ao agro galego. O obxectivo é xeneralizar un xeito de producir que non só sexa máis sostible senón tamén máis rendible, contribuíndo a fixar poboación no rural e avogando por un posicionamento do sector mesmo a nivel internacional para atraer investimentos e xerar riqueza.
Na súa intervención o conselleiro puxo de relevo tamén o selo Galicia Calidade, como clave para potenciar os produtos galegos con denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida, como pode ser o leite Galega 100% ou os produtos derivados das razas autóctonas da comunidade. Ao abeiro da marca traballarase, por unha banda, axudando aos produtores e transformadores e, por outra, optimizando a estratexia para posicionar os produtos galegos de calidade diferenciada a nivel mundial.
Ante os empresarios galegos, o titular de Medio Rural tamén quixo referirse á necesaria igualdade entre homes e mulleres para garantir o futuro de agro e ás posibilidades que presentan negocios como o enoturismo, o turismo gastronómico ou o ligado á paisaxe para facer do rural un medio onde non só se poida seguir vivindo, senón tamén do que se poida vivir.
A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.