Noticias

As análises confirman a infección por coronavirus nun paciente procedente de Madrid

As análises realizadas no Servizo de Urxencias do CHUAC, e confirmadas polo Centro Nacional de Microbioloxía, a un paciente procedente de Madrid confirman a infección por coronavirus dunha persoa que se atopa illada no hospital, en cumprimento dos protocolos acordados co Ministerio de Sanidade. Este é primeiro caso positivo confirmado en Galicia. Trátase dun home de 49 anos, procedente de Madrid, que se presentou con sintomatoloxía respiratoria no servizo de urxencias do CHUAC e ao que se lle solicita a proba de diagnóstico de COVID-19 ante a presenza dunha neumonía bilateral nun contexto clínico de infección vírica.

A Dirección Xeral de Saúde Pública está seguindo o protocolo e xa iniciou o estudio de contactos para determinar as medidas necesarias que permitan previr novos contaxios.

Sanidade remarca que hai un procedemento específico para as persoas que sospeiten terse contaxiado co coronavirus. É importante que se contacte por vía telefónica con servizos sanitarios para que un equipo, formado por persoal de enfermería e persoal auxiliar, poda recoller mostras para analizar no seu domicilio, evitando en caso de infección a propagación do virus.

Dende o Sergas lémbrase que a Consellería de Sanidade ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116 para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número, pódense resolver todas as dúbidas dos cidadáns ao respecto. En calquera caso, para persoas con sintomatoloxía (febre, tos, sensación de falta de aire) e que volvesen de zona de risco ou tivesen contacto con alguén que estivera nalgún deses lugares, tamén está dispoñible o teléfono 061 para consultas.

Protocolos

Desde o comezo da alerta por coronavirus, consensuouse un protocolo de actuación entre o Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas, que a Consellería de Sanidade xa trasladou ás xerencias das áreas sanitarias, incluíndo definición de caso sospeitoso e criterios de actuación, que se está a actualizar periodicamente en función da evolución do abrocho e do coñecemento que se vai xerando.

Ademais, tamén se enviaron os protocolos, adaptados á nosa estrutura asistencial, que están dispoñibles na web da Consellería de Sanidade, no apartado de saúde pública. Estes protocolos detallan todos os pasos para facer a vixilancia e control en Galicia, como actuar na detección de casos e o seu manexo, a toma e manexo das mostras obtidas dos pacientes e como elaborar as enquisas de cada caso para facer un seguimento.

Tanto o Sistema de Alerta Epidemiolóxica de Galicia como o sistema asistencial teñen definidos protocolos de actuación claros e teñen capacidade demostrada para o seu manexo. Estes protocolos iranse adaptando segundo estea dispoñible nova información que o aconselle, tanto no tocante á definición da sospeita de enfermidade como nos criterios de manexo dos casos e dos seus contactos.

Recomendacións

A Consellería de Sanidade volve reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembra que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

R., 2020-03-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-mare-2026.jpg) O Festival Maré celebrará do 23 ao 27 de setembro a súa sétima edición en Santiago de Compostela, cunha programación que volve situar a cidade como punto de encontro de culturas, linguas e diferentes expresións musicais. A cita reunirá artistas de máis de 16 países e con representación de 12 linguas. A programación desta sétima edición estará formada por máis de 30 espectáculos, catro producións propias, oito propostas inéditas en Galicia e unha estrea absoluta. Entre os principais nomes do cartel atópanse Aterciopelados, Bia Ferreira, Omar Souleyman, Haydée Milanés & Javier Colina, Ala.ni, António Zambujo, Magalí Sare & Vox Stellae e Marcos Coll.
Foto de la tercera plana (portugal_galicia.jpg) Foi prsentada a Visión Estratéxica 2026-2028 da Asociación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal. A visión estratéxica ofrece un novo marco de actuación co que se pretende reforzar o papel da cooperación transfronteiriza e consolidar a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como un espazo común de oportunidades, coñecemento, innovación, competitividade e desenvolvemento. Ademais, estrutura a intervención da AECT en cinco grandes áreas -cultura, turismo, xuventude e emprego transfronteirizo e investigación e competitividade-, consolidando proxectos cun impacto recoñecido e abrindo novas frontes de cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal.

Notas

A Real Academia Galega de Ciencias recoñece coas Medallas de Investigación a cinco científicos e científicas galegos da USC e da UVigo. Esta distinción valora as traxectorias singulares e consolidadas en investigación desenvoltas na nosa comunidade, ademais de fomentar a promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas. A entrega dos galardóns terá lugar durante o acto do Día da Ciencia en Galicia (8 de outubro).
O VIII Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade, convocado pola Deputación da Coruña, vén de recoñecer sete iniciativas que destacan pola súa contribución á igualdade de xénero, á loita contra a violencia machista e á defensa da diversidade sexual. As propostas premiadas representan diferentes ámbitos de intervención –social, cultural, comunitario, artístico e de recuperación da memoria– e comparten o obxectivo de avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria e diversa.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES