Noticias

Galicia exporá ante o comité das rexións en Bruxelas a súa estratexia para camiñar cara á neutralidade climática

Baixo o título 'O camiño cara a neutralidade climática. Superando barreiras financeiras', a exposición centrarase na Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía, aprobada pola Xunta o pasado outubro e na que se define o marco de actuación a medio e longo prazo co obxectivo de converter a Galicia nunha rexión climaticamente neutra en carbono antes do ano 2050. Este horizonte equipara á comunidade con outras nacións punteiras na loita contra o cambio climático, como é o caso de Suecia, Francia, Costa Rica ou Nova Zelanda e vai na liña dos obxectivos das autoridades comunitarias para que Europa se converta no primeiro continente neutral en carbono.

A Xunta de Galicia participará en Bruxelas a vindeira semana nos actos previstos con motivo da Cerimonia do Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía, un evento que organizan anualmente a Comisión Europea e a Oficina Europea do pacto co obxectivo de facer un balance dos logros acadados polos municipios e cidades asinantes, preto de 10.000 nestes momentos.

A intervención central por parte da comitiva galega correrá a cargo da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen será a encargada de intervir en nome de Galicia xunto a outros representantes comunitarios durante o evento previsto para o vindeiro mércores no Comité Europeo das Rexións.

Baixo o título O camiño cara a neutralidade climática. Superando barreiras financeiras, a responsable autonómica centrará a súa exposición na Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía, aprobada pola Xunta o pasado outubro e na que se define o marco de actuación a medio e longo prazo co obxectivo de converter a Galicia nunha rexión climaticamente neutra en carbono antes do ano 2050. Este horizonte equipara á comunidade con outras nacións punteiras na loita contra o cambio climático, como é o caso de Suecia, Francia, Costa Rica ou Nova Zelanda e vai na liña dos obxectivos das autoridades comunitarias para que Europa se converta no primeiro continente neutral en carbono.

Concretamente, Ángeles Vázquez reflexionará na súa intervención sobre as diferentes vías dispoñibles para financiar esa transición así como as principais barreiras presentes e futuras para atopar fondos cos que levar a cabo proxectos de neutralidade climática.

O obxectivo da sesión, na que ademais da conselleira tamén participarán relatores das cidades de Malmo (Suecia), Essen (Alemaña), Módena e San Giuseppe Vesuviano (ambas en Italia), é proporcionar ás autoridades locais asistentes ferramentas que lles axuden a superar as barreiras financeiras que se poden atopar para avanzar na transición cara a neutralidade climática, así como unha visión xeral dos programas de asistencia técnica existentes e dos mecanismos creativos de financiamento ao seu alcance.

Pacto Verde Europeo

Este ano celébranse varios fitos na historia do Pacto dos Alcaldes, o maior movemento mundial impulsado para unir forzas e buscar sinerxías entre as diferentes administracións competentes co obxectivo común de combater o cambio climático. O primeiro é que se cumpre o primeiro dos prazos fixados para cumprir os obxectivos da UE nesta materia.

Ademais, 2020 tamén estará marcado polo recente lanzamento do Pacto Verde Europeo, un paquete de medidas ambicioso, que debería permitir aos cidadáns e ás empresas europeas beneficiarse dunha transición sustentable, xusta e inclusiva para que a economía e a sociedade en xeral se convertan en neutrais.

O evento no que se procederá ao anuncio deste chamado Pacto Verde levarase a cabo xunto coa Cerimonia do Pacto de Alcaldes da UE, que se celebrará o 4 de marzo pola tarde no hemiciclo do Parlamento Europeo. En todo caso, un día antes tamén se lle dedicará un espazo destacado ao Pacto Verde Europeo, que ten por obxectivo establecer as bases para acadar, nun futuro próximo, unha neutralidade climática nas diferentes cidades e rexións adheridas ao movemento.

O martes día 3, precisamente, a conselleira de Medio Ambiente participará noutro evento organizado na Fundación Galicia Europa en Bruxelas baixo o título As rexións ante a neutralidade climática. A contribución galega ao Pacto Verde Europeo. O acto, ao que están convidados os representantes municipais que conforman a delegación de Galicia na Cerimonia, servirá para presentar as diferentes estratexias e avances normativos impulsados nos últimos meses pola Xunta para acadar unha economía de 0 emisións: a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, a Estratexia Galega de Economía Circular 2020-2030 e o anteproxecto da Lei de Residuos e Solos Contaminados.

Cómpre lembrar a boa acollida que está a ter o movemento do Pacto dos Alcaldes en Galicia, sobre todo desde a posta en marcha da Oficina Técnica de coordinación e asesoramento, constituída en 2018 e activa desde comezos de 2019. Nestes momentos, son xa 185 os concellos adheridos, unha cifra que avanza a bo ritmo e que sitúa a Galicia máis preto do obxectivo final de que o 90% dos municipios galegos estean plenamente integrados no Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía a finais deste ano.

R., 2020-03-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (economia-porcentaxe.jpg) O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, anunciou hoxe que o Consello acordou que 'iniciar a elaboración dos orzamentos da comunidade autónoma para o vindeiro ano'. Deste xeito, o Executivo autonómico avaliou un informe presentado pola Consellería de Facenda e Administración Pública sobre a Orde pola que se ditan instrucións para a elaboración dos presupostos de 2026, que marcan as bases do Plan financeiro do Goberno galego para o ano próximo. Calvo resaltou que mentres Galicia 'comeza a traballar nas contas de 2026, o Goberno de España segue funcionando coas de 2023'.
Foto de la tercera plana (ofrenda-antigo-reino-galicia.jpg) O Consello da Xunta aprobou o decreto que declara Ben de Interese Cultural a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao considerar acreditado o seu valor sobranceiro como patrimonio inmaterial do pobo galego, o que supón a aplicación do réxime de tutela da Lei de Patrimonio cultural e, polo tanto, o maior nivel de protección. Esta declaración chega tras recibir os informes favorables dos catro órganos aos que se lle solicitou: o Consello da Cultura Galega, o Museo do Pobo galego, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e a Facultade de Humanidades da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais, no proceso de exposición pública para o seu recoñecemento non rexistrou ningunha alegación.

Notas

O investigador do ILG da USC Xulio Sousa e as profesoras da Facultade de Matemáticas e investigadoras do CITMAga María José Ginzo Villamayor e Rosa Crujeiras acaban de publicar o artigo 'Surname Distribution in Galicia: Population Structure, Dialects, and History' na revista 'Names: A Journal of Onomastics' que axuda a desvelar as conexións entre os apelidos, a variación dialectal e a organización histórica de Galicia.
A Universidade da Coruña foi sede hoxe da reunión constitutiva do grupo de traballo sobre a descentralización do grao en Medicina, proposto na sesión do 10 de xuño do Consello para a Coordinación da Docencia Clínica en Galicia. Neste primeiro encontro, marcado pola propia creación do grupo, aprobouse a normativa de réxime interno e o calendario de traballo que marcará as liñas de acción de cara aos vindeiros meses.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES