Noticias

Paso de xigante na loita contra o cancro

Investigadores da USC acaban de descubrir un mecanismo de mutación implicado no desenvolvemento dos cancros humanos que pon no punto de mira aos retrotransposóns, rexións de ADN ata agora ignoradas que explican a orixe e progresión de certos tumores e abren novas vías de prevención e tratamento desta enfermidade. O traballo, o maior realizado ata a data no campo da xenómica do cancro, inclúe a análise xenómica de tumores en case 3.000 pacientes e 38 tipos diferentes de cancro. Este traballo enmárcase no consorcio internacional Pan-Cancer, unha iniciativa de enorme envergadura para o estudo das bases xenéticas do cancro, na que participaron durante sete anos preto de 1.000 investigadores de todo o mundo.

Os resultados desta investigación foron publicados este mércores por Nature e Nature Genetics. Segundo o primeiro asinante do traballo e investigador da USC, Bernardo Rodríguez-Martín, “identificamos un novo mecanismo de mutación que consiste en que cando os retrotransposóns se mobilizan no xenoma tumoral, algo que ocorre con máis frecuencia que nas células non tumorais, poden producir perdas enormes de material xenético no punto no que se integran”.

“Estas perdas causadas pola integración de retrotransposóns poden implicar a desaparición de xenes que son importantes no mantemento do funcionamento normal dunha célula e, cando isto ocorre, facilita a aparición do cancro. Esta nova clase de mutación en cancro é particularmente frecuente en catro tipos: esófago, cabeza e pescozo, pulmón e colorrectal”, conclúe Rodríguez-Martín.

Os científicos pensan que este descubrimento terá un impacto a curto prazo na mellora dos diagnósticos oncolóxicos e no prognóstico sobre a evolución dos pacientes; e a medio prazo nos tratamentos dirixidos a frear este mecanismo de mutación, algo no que o equipo de investigación xa está a traballar.

Unha posible solución médica rescatada do lixo

Os retrotransposóns representan unha parte importante do noso material xenético, ata un 75%, e foron ata non fai moito considerados ‘ADN lixo’ debido á súa natureza repetitiva e ausencia aparente de funcionalidade. Este concepto erróneo levou a moitos científicos a non profundar no seu papel determinante no cancro. Fronte a isto, José M.C. Tubío, director do grupo Xenomas e Enfermidade do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e o seu equipo, veñen desenvolvendo dende 2010 “algoritmos bioinformáticos dirixidos ao estudo desta materia escura e atopamos varios tesouros”, apunta.

Só 16 retrotransposóns, os volcáns que hai que vixiar

Non satisfeitos con descubrir a importancia dos retrotransposóns, os investigadores da USC quixeron ir máis alá e acoutar o campo de estudo. Por iso traballaron para identificar aqueles que teñen maior actividade no xenoma tumoral, xa que serían estes cara aos que habería que dirixir as terapias. Conseguiron sinalar entre 100 e 150 retrotransposóns que se activan no cancro. De todos eles, tan só 16 son de especial interese porque son moi activos causando máis das tres cuartas partes de todas as mutacións orixinadas nun tumor. “Estes retrotransposóns compórtanse como volcáns, podendo estar silenciados durante moito tempo e, de súpeto, estourar de forma moi violenta, promovendo decenas ou centos de mutacións no xenoma tumoral”, explica Tubío.

Aplicación clínica

Os investigadores xa traballan para poder trasladar os resultados da súa análise á clínica. Segundo Bernardo Rodríguez-Martín “a curto prazo, esperamos que teñan impacto na mellora dos diagnósticos e no prognóstico sobre a evolución dos pacientes oncolóxicos. De feito, dispomos de datos preliminares”. Tubío engade que “no noso laboratorio xa estamos a levar a cabo pequenas probas de concepto, probando diferentes tratamentos para frear este proceso mutacional tan relevante nalgúns tipos de cancro”. “Mentres todos os meus compañeiros centraban a súa atención nos xenes do noso xenoma, eu dedicábame a buscar no ADN lixo”, apunta o doutor Tubío.

R., 2020-02-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES