Noticias

Galicia contará cunha Unidade Mixta de Investigación especializada na xestión do espazo aéreo de vehículos non tripulados

Cun investimento de preto de 2,2 millóns de euros, AIRUS servirá para reforzar a aposta de Galicia polo sector aeroespacial que se materializa no Polo Aeroespacial de Galicia, cun investimento público-privado total de 164 millóns de euros e no que están a traballar 400 persoas en máis de 35 proxectos que están a desenvolver 50 axentes. Asemade, estase a traballar xa na continuidade da iniciativa a través dun novo proxecto que se presentará este venres no Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI) en Madrid e que está vencellado co U-Space, o sistema de xestión do tráfico de vehículos non tripulados propio da Unión Europea.

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, destacou esta mañá na presentación da Unidade Mixta de Investigación (UMI) Airus (Automatic Intelligent SeRvices for U-Space), promovida polo Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e a multinacional tecnolóxica Everis Aeroespacial, Defensa e Seguridade (everis ADS), a contribución desta UMI ao sector aeroespacial, no ámbito da xestión do tráfico de sistemas non tripulados. Co obxectivo de facilitar a integración eficiente e segura dos drons no espazo aéreo, esta UMI traballará en permitir xestionar novos plans de voo, delimitar o espazo de desprazamento fixando áreas restrinxidas, facilitar a desconxestión estratéxica para evitar a saturación do espazo aéreo e contribuír ao seguimento e monitoraxe dos drons e obstáculos que poidan interromper o curso doutros vehículos.

Cun investimento de preto de 2,2 millóns de euros, cofinanciado nun 30% pola Xunta de Galicia a través do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, AIRUS servirá para reforzar a aposta de Galicia polo sector aeroespacial que se materializa no Polo Aeroespacial de Galicia, cun investimento público-privado total de 164 millóns de euros e no que están a traballar 400 persoas en máis de 35 proxectos que están a desenvolver 50 axentes. Argerey anunciou que esta iniciativa se verá reforzada este ano cun investimento de 15,5 millóns de euros nos Orzamentos 2020 da Xunta de Galicia. Asemade, estase a traballar xa na continuidade da iniciativa a través dun novo proxecto que se presentará este venres no Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI) en Madrid e que está vencellado co U-Space, o sistema de xestión do tráfico de vehículos non tripulados propio da Unión Europea.

A directora de Gain apuntou ademais que o Polo Aeroespacial de Galicia está permitindo ofrecer respostas ás necesidades públicas a través de sistemas aéreos non tripulados (UAV), dando oportunidades para atraer cara Galicia a investigación excelente arredor da multitude de retos tecnolóxicos que hai arredor do U-Space e posicionando o Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) á vangarda tecnolóxica de Europa polas súas capacidades e infraestrutura.

Unidades Mixtas de Investigación, modelo de cooperación público-privada

As Unidades Mixtas de Investigación, un instrumento de cooperación público-privado impulsado en 2014 pola Xunta de Galicia, permiten -en palabras de Patricia Argerey- combinar a experiencia empresarial co coñecemento dos centros de investigación e aplicalo para gañar competitividade en cadanseu sector, así como un instrumento perfecto de transferencia de coñecemento ao tecido empresarial. Argerey informou de que Galicia é unha comunidade pioneira na posta en marcha deste instrumento, que constitúe un referente á hora de ofrecer solucións innovadoras adaptadas ás demandas empresariais.

Desde 2014 a Xunta ten apoiado 39 Unidades Mixtas de Investigación, que dan emprego a preto de 580 profesionais, mobilizando un investimento público-privado de 114 millóns de euros e implicando a 13 centros de coñecemento galegos e 33 empresas. Este instrumento de apoio terá continuidade neste 2020 coa próxima publicación de sendas convocatorias de axudas dirixidas á creación de novas Unidades Mixtas, dotada con 2 millóns de euros, e á consolidación das existentes, con 3 millóns de euros.

Colaboración ITG-Everis

A directora de Gain destacou o compromiso do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) co desenvolvemento da I+D no sector aeroespacial, a través da participación noutra Unidade Mixta de Investigación (Fastfly, Full Autonomous Systems for UAVS, xunto á empresa Star Defence), desenvolvendo proxectos en colaboración coas principais entidades deste sector, participando en consorcios a nivel estatal como a Rede Cervera e europeo e fomentando as vocacións científicas a través da liga intercolexial de drons (ITG Maker Drone). Pola súa banda, Argerey destacou a experiencia de Everis Aeroespacial e Defensa, empresa líder en sistemas para a xestión do tráfico aéreo.

R., 2020-01-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES