Noticias

Sanidade introducirá este ano dous proxectos de realidade virtual para o recoñecemento do ictus e para reducir o estrés dos tratamentos de radioterapia

A iniciativa relacionada co recoñecemento do ictus, facilitará a detección dos seus síntomas e permitirá aos pacientes recrear situacións reais e experimentar na súa propia pel os síntomas que producen esta enfermidade. Esta ferramenta tamén estará dispoñible para os profesionais sanitarios do Sergas co obxecto de facilitar a súa aprendizaxe na detección do ictus. A ferramenta de adestramento virtual da respiración, axudará aos pacientes que teñen que someterse a tratamentos de radioterapia a reducir o estrés e ansiedade que producen este tipo de probas e a entrenar a respiración que deberán empregar durante o tratamento.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, anunciou hoxe que o seu departamento está a traballar, a través da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), en dúas ferramentas innovadoras de formación dos pacientes mediante a utilización da realidade virtual. Tal e como detallou o conselleiro, un dos proxectos céntrase no deseño e desenvolvemento dunha solución virtual para o recoñecemento do ictus, e o outro no adestramento virtual da respiración dos pacientes a tratamento de radioterapia. Ámbolos dous proxectos estarán dispoñibles en maio deste ano, dixo Almuiña.

A primeira das iniciativas, a relacionada co recoñecemento do ictus, facilitará a detección dos seus síntomas e permitirá aos pacientes recrear situacións reais e experimentar na súa propia pel os síntomas que producen esta enfermidade. Esta ferramenta tamén estará dispoñible para os profesionais sanitarios do Sergas co obxecto de facilitar a súa aprendizaxe na detección do ictus, así como do protocolo que se debe seguir en caso de que se presenten os citados síntomas.

Sinalar que a ferramenta poderá ser utilizada dende calquera dispositivo tecnolóxico, sendo fácil de usar, ademais de intuitiva e uniforme, sexa cal sexa o dispositivo con que se visualice. Constará dun menú principal e submenús que recollerán toda a sintomatoloxía recoñecida (perdida de forza, perdida de sensibilidade, alteración da fala, dor de cabeza, entre outros,) e cada un dos procesos dos órganos responsables que levan ao ictus. Entre os submenús estará un deles dedicado á mellora dos hábitos de vida.

O obxectivo principal será a concienciación da poboación en xeral así como dos profesionais sanitarios, que ante a dúbida, é necesario acudir aos servizos médicos. A aplicación permitirá ao usuario poder escoller dúas vías claramente marcadas, a dirixida á cidadanía e a destinada aos profesionais.

A aplicación contará, por defecto, cunha pestaña relativa ao protocolo a seguir no caso de que alguén estea a sufrir un ictus. Mediante esta opción, aparecerán en pantalla unhas mensaxes claras e concisas de como se debe actuar.

Adestramento da respiración

A segunda das ferramentas hoxe presentadas, a de adestramento virtual da respiración, axudará aos pacientes que teñen que someterse a tratamentos de radioterapia a reducir o estrés e ansiedade que producen este tipo de probas e a entrenar a respiración que deberán empregar durante o tratamento, explicando de modo sinxelo, a través de escenas virtuais, cales son cada un dos tipos de respiración para que a zona obxectivo estea o máis inmobilizada posible.

Para o entrenamento optarase por unha solución que guiará ao usuario para optimizar ou correxir o ritmo de respiración, dándolle instruccións específicas para a realización correcta da proba. A tal efecto, farase uso dos sensores de micrófono e outras tecnoloxías que incorporan os dispositivos de visualización (móbiles, ordenadores, etc.).

A aplicación poderá ser utilizada dende calquera dispositivo tecnolóxico e terá dous modos diferenciados, o formativo ou de entrenamento e o de diagnóstico.

Plan formativo dos profesionais da sanidade pública

Neste mesmo acto no que se presentaron os dous proxectos innovadores, Sanidade deu a coñecer o Plan formativo, para o presente ano, dos profesionais do sistema público de saúde de Galicia, que tal e como destacou o conselleiro foi aprobado polo Consello de Formación composto por membros do Sergas, polas organizacións sindicais e por ACIS. Segundo Almuiña, o plan incrementa o número de prazas e amplía o número de actividades formativas, posto que ten previstas máis de 600, nas modalidades de presencial, mixta, teleformación e autoformación.

A modalidade de autoformación merece unha especial mención, -dixo o conselleiro-, xa que permite satisfacer a elevada demanda existente, e, deste xeito, os profesionais poderá acceder aos contidos formativos as 24 horas do día, os 365 días do ano.

R., 2020-01-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES