Noticias

'Don Ricardo de Fingoi', a primeira gran homenaxe a Carballo Calero en 2020, celebrouse en Lugo

Ricardo Carballo Calero viviu en Lugo, como responsable do Colexio Fingoi, desde 1950 a 1965, período no que aportou a Galicia a parte máis ostensible da súa obra, sendo para a cidade DON RICARDO DE FINGOI, irradiando desde este senlleiro colexio a súa influencia cultural a Lugo e a toda Galicia. Este é o aspecto que se puxo de manifesto na gran homenaxe rendida na capital lucense pola Xunta de Galicia e a Real Academia Galega, xunto co Colexio Fingoi, en base á exposición e á web confeccionadas polo colectivo Egeria que en Fingoi se presentaron. A exposición está formada por trece paneis de 2m. por 1m., nos que se reflicten a relación de Carballo con Lugo, o nacemento e evolución do Colexio Fingoi, a personalidade do seu fundador, Antonio Fernández.

Tamén sea fala do labor educativo de Carballo e a promoción dos seus alumnos, e a repercusión exterior desta etapa lucense de Carballo, que supuxo para o profesor e escritor a súa rehabilitación persoal e social, despois dos tempos difíciles da guerra e da posguerra.

Neste tempo lucense fixo a súa tese doutoral, entrou na Real Academia Galega, completou a súa monumental 'Historia da Literatura Galega', e afirmouse no seu papel de extraordinario investigador e escritor para despois, en Compostela, brillar con todo esplendor.

Na homenaxe participaron Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística, por parte da Xunta de Galicia, entidade patrocinadora das accións e homenaxe; Víctor Fernández Freixanes, Presidente da Real Academia Galega, entidade colaboradora; polo Colexio Fingoi, a súa Directora e filla do fundador, Asunción Fernández Puentes, Siña; no nome dos antigos alumnos, María Dolores Fernández Fernández, alumna de Carballo e axudante súa na etapa na Universidade compostelá; a cantante Pilocha, cantando e recitando un poema de Carballo; os alumnos de 5º e 6º de primaria de Fingoi que, baixo a dirección de Paloma Suances cantaron 'Do mar pola orela'; e os Gaiteiros de Fingoi, dirixidos por Pepe Vaamonde.

Recibiu a homenaxe a filla maior de Carballo, Margarita, que pronunciou palabras de agradecemento e relatou lembranzas dos tempos nos que viviu con seus pais no colexio. Un bisneto de Carballo, neto de Margarita, Jacobo Cela, acompañado polo seu profesor, Manuel Fernández Gayol, tocou ao violín un 'Vals escocés' en lembranza do seu bisavó.

Estiveron presentes numerosos antigos alumnos de Fingoi dos tempos nos que Carballo foi o máximo responsable do Colexio, que participaron na exposición e gardan do seu antigo profesor unha lembranza inesquecible.

Esta mostra itinerante, que terá ata fin de ano arredor de corenta destinos, cunha semana de estancia en cada un deles, permanecerá en Fingoi ata o próximo martes, podendo ser visitada desde o mércores, 22 de xaneiro, na sala de exposicións da Xunta de Galicia en Lugo.

Tanto esta exposición (acompañada por un folleto que reflicte integramente os trece paneis), como a web, e proximamente un libro, forman parte dun proxecto promovido polo Colectivo Egeria, do que informou o seu Presidente, Xulio Xiz, coordinador do acto celebrado no Colexio de Fingoi, e que terá continuidade, entre outras moitas actividades, co que a Real Academia organizará o próximo mes de maio, coa participación de persoas e entidades relacionadas con Carballo Calero e, de xeito especial, coa súa etapa lucense.

R., 2020-01-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES