Noticias

A Xunta proponlle ao Goberno de España un acordo global de colaboración para impulsar conxuntamente as obras de saneamento máis prioritarias para Galicia

A Xunta de Galicia propúxolle ao Goberno de España un acordo global de colaboración para impulsar conxuntamente as obras de saneamento máis prioritarias para a Comunidade autónoma. O goberno autonómico trasladou a súa disposición a colaborar economicamente, achegando fondos da Comunidade Autónoma, para cofinanciar as actuacións de saneamento declaradas de interese xeral do Estado, como son as de Ponteareas, A Illa de Arousa, Raxó e Sanxenxo. O acordo formulado consiste en que, ademais, o Goberno de España colabore achegando fondos europeos do treito estatal para cofinanciar outras obras igualmente necesarias.

A Xunta de Galicia propúxolle ao Goberno de España un acordo global de colaboración para impulsar conxuntamente as obras de saneamento máis prioritarias para a Comunidade autónoma. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo hoxe unha xuntanza co secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, na que abordaron a situación das principais necesidades en materia de augas en Galicia.

A conselleira, que estivo acompañada da directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e do xerente da entidade, Gonzalo Mosqueira, trasladou a disposición da Xunta a colaborar economicamente, achegando fondos propios da Comunidade Autónoma, para cofinanciar as actuacións de saneamento declaradas de interese xeral do Estado, como son as obras de Ponteareas, A Illa de Arousa, e de Raxó (Poio) e Sanxenxo.

O acordo global formulado pola Xunta consiste en que, ademais, o Goberno de España colabore, achegando fondos europeos do treito estatal, a cofinanciar outras obras igualmente necesarias, como o saneamento de Monforte de Lemos, de Salvaterra de Miño e Ames.

O obxectivo da proposta do Goberno galego é garantir o aproveitamento dos fondos europeos do actual período operativo para atender necesidades de saneamento urxentes que dispoñen de proxectos avanzados para poder executarse no curto prazo.

Na xuntanza, a conselleira reiterou o compromiso da Xunta co cofinanciamento das obras da depuradora de Santiago, que, pola modificación do proxecto inicial non poderán optar a fondos europeos do actual período operativo. Ethel Vázquez avogou por plasmar nun convenio de colaboración os termos concretos do financiamento desta infraestrutura sobre a que está aínda aberto o proceso de contratación do proxecto.

Para avanzar no saneamento das augas na mesma bacía do río Sar, a conselleira apostou por impulsar con fondos autonómicos e fondos europeos do actual período dos que dispón o Goberno de España, a mellora do sistema de saneamento de Ames-Brión, á que se sumaría unha actuación tamén no sistema de saneamento de Calo-Milladoiro.

Abastecemento de auga a Vigo

Na xuntanza, o Goberno galego manifestou tamén o seu interese por avanzar na procura de solucións estruturais ao abastecemento de auga a Vigo e sur da provincia de Pontevedra, sobre o que a Xunta cofinanciar un estudo que debe acometer o Goberno de España.

A conselleira demandou que as actuacións necesarias para garantir a auga a esa comarca sexan declaradas de interese xeral do Estado, acadando así maiores garantías para o seu financiamento. A Xunta considera necesario aplicar en Vigo, unha comarca con 600.000 habitantes, o mesmo sistema que se aplicou noutros contornos urbanos menos poboados, como Ourense e Pontevedra.

Ademais, a conselleira solicitou a colaboración do Ministerio para a Transición Ecolóxica na tramitación necesaria para construír o novo emisario da depuradora de Pontevedra e facilitar o imprescindible saneamento da ría, tal e como exixe a Unión Europea.

Finalmente, reiterou a demanda de que se liciten o antes posible as obra de dragaxe da ría do Burgo, de forma que se garanta a calidade ambiental dese entorno e a actividade económica dos profesionais do mar.

Ethel Vázquez salientou que foi unha xuntanza frutífera na que ambas as dúas Administracións puideron revisar as necesidades máis importantes do saneamento e abastecemento das augas en Galicia e confiou en que este encontro derive en acordos concretos que permitan impulsar todas as actuacións precisas.

R., 2020-01-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES