Noticias

O programa Galicia Emprega impulsará a formación e contratación de máis de 1100 mulleres, parados de longa duración, mozos e persoas discapacitadas

Ábrese mañá o prazo de solicitude para as catro liñas do programa Galicia Emprega, cuxo obxectivo é favorecer a formación e a contratación de máis de 1100 mulleres, parados de longa duración, mozos e mozas, e persoas discapacitadas ou en risco de exclusión, para impulsar, deste xeito, o traballo nos colectivos con máis dificultades para atopar un emprego. Galicia Emprega conta cun orzamento global de 10,5 millóns de euros para fomentar o traballo na Comunidade. Trátase de favorecer os contratos asociados á posibilidade de mellorar a formación. Inclúe catro liñas de axudas -Emprega Muller, Emprega Persoas con Discapacidade ou en Risco de Exclusión Social, Emprega Parados de Longa Duración e Emprega Xuventude-.

Impúlsase, deste xeito, a contratación dual en catro dos colectivos prioritarios da Xunta á hora de acceder ao mercado laboral.

Por unha banda, apóiase cun bono formación aos traballadores e traballadoras para que poidan responder ás necesidades formativas do tecido empresarial e, por outra, ofrécense incentivos á contratación ás empresas impulsando a contratación indefinida ou inicial cunha duración mínima de 12 meses a xornada completa.

Con respecto ao bono formación, nos catro programas incentívase con 2000 euros a cualificación dos traballadores que son contratados de xeito inicial por 12 meses para que reciban unha formación mínima de 50 horas. Se o contrato é indefinido, o bono increméntase ata os 4000 euros e a formación mínima terá que acadar as 70 horas.

En canto aos incentivos á contratación, as contías varían segundo o programa e poden alcanzar os 16.000 euros. Ademais, aumentan nun 25%, segundo a liña, para aquelas empresas de máis de 50 traballadores e traballadoras pertencentes a sectores estratéxicos que teñan unha taxa de estabilidade nos seus cadros de persoal do 70%; no caso de que o centro de traballo estea situado nun concello rural; ou se as persoas incorporadas son mulleres; maiores de 45 anos; ou emigrantes retornados.

Catro liñas

Emprega Muller é a liña dotada cun maior orzamento dentro do Galicia Emprega, con 4,3 millóns de euros -un millón máis que na pasada edición- para impulsar a formación e a contratación de 405 persoas. As axudas mínimas para os contratos indefinidos son de 12.000 euros.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria activará Emprega Persoas con Discapacidade ou en Risco de Exclusión Social con incentivos de 8000 euros para a contratación inicial deste colectivo e de 16.000 euros para os contratos indefinidos. A previsión de beneficiarios é de 185 persoas. O orzamento deste programa ascende a máis de 2,2 millóns de euros.

No caso de Emprega Parados de Longa Duración (2M€), as axudas para a contratación de 12 meses suman como mínimo 5000 euros, incrementándose ata os 10.000 euros se se trata dun contrato indefinido. O obxectivo é contratar a 175 persoas.

En Emprega Xuventude (2M€), as contías para os contratos dun ano de duración serán de 3000 euros e acadarán o dobre (6000€) no caso de contratos indefinidos. Estímase un número de beneficiarios de 365 menores de 30 anos.

Os incentivos á contratación constitúen un dos mecanismos da Administración autonómica para estimular a incorporación de novas persoas traballadoras aos cadros de persoal das empresas galegas. Galicia Emprega enmárcase dentro da Axenda 20, a folla de ruta que está impulsando na Comunidade o emprego estable e de calidade con medidas, como este programa, que favorecen o incremento das oportunidades laborais e a redución do desemprego. Desde o ano 2015, este tipo de medidas permitiron apoiar a contratación de máis de 7300 traballadores destes catro colectivos prioritarios cun investimento de 29,3M€.

R., 2020-01-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES