
A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou hoxe os datos do paro, que no último ano baixou en 3987 persoas, é dicir, un 2,36% menos que en decembro de 2018, o que sitúa á Comunidade como a quinta na que máis descende o desemprego, mellorando a media estatal, que foi de -1,21%. No que respecta ás afiliacións, medran por sexto ano consecutivo (2014-2019) e, ao igual que en 2018, péchase o exercicio por riba do millón de afiliados.
A Comunidade Autónoma sitúase a niveis de paro inferiores aos de antes de 2008, sumando xa sete anos de baixadas consecutivas, desde decembro de 2013. Neste tempo a cifra de paro descendeu en máis de 113.000 desempregados, é dicir, 2 de cada 5 parados abandonaron as listas do paro neste período.
A secretaria xeral de Emprego destacou que, de xeito intermensual, Galicia logrou, por terceira vez en toda a serie histórica, un descenso do desemprego en decembro que se situou nun -0,21% con respecto ao mes de novembro, o que supón que 351 persoas saíron das listas do paro.
En canto ás afiliacións, Galicia suma dez meses por riba do millón de cotizantes á Seguridade Social. En concreto, nos últimos doce meses, medraron un 1,41% sumando 14.152 afiliados -o que supón unha media de 39 ao día- ata chegar á cifra de 1.020.259. No que vai de lexislatura (na comparativa entre setembro de 2016 e decembro de 2019), creáronse en Galicia 47.372 postos de traballo, unha media diaria de case 40.
O paro baixa nas catro provincias galegas: Ourense (-3,87%), Pontevedra (-3,26%),
A Coruña (-1,42%) e Lugo (-0,70%) e nas sete grandes cidades, agás A Coruña, onde sobe un 0,74%. Descende tamén en todos os sectores, liderando esta caída a construción cun -5,87% menos de paro, seguida pola industria, cun -5,66%. O desemprego redúcese nos colectivos prioritarios.
Aposta polo emprego de calidade
Toca salientou que, como mostra do compromiso do Goberno galego coa creación de postos de traballo de calidade, xa se aprobaron máis de 60 millóns de euros, por anticipado de gasto, para programas de emprego que se desenvolverán este ano relacionados co impulso do emprego local; coas Unidades Formativas para desempregados; coas medidas para os autónomos ou para iniciativas de Economía Social.
Estes orzamentos e programas iranse ampliando ata os máis de 260 millóns que se dedicarán este ano para contar cunha Galicia máis preparada.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.