
Tamén entra en vigor hoxe a rebaixa no Imposto de Sucesións pola que todas as herdanzas de ata un millón de euros por herdeiro sen contar a vivenda habitual- quedan libres de tributación. Isto permite que máis do 99,9% dos galegos non terán que pagar este imposto cando reciben unha herdanza dun familiar directo (ascendente, descendente ou cónxuxe). Ademais, amplíase o acceso ás reducións xa existentes para favorecer a sucesión das empresas que permanecen dentro do ámbito familiar.
Finalmente incorpórase unha novidosa dedución verde no IRPF que permite bonificar ata o 15% das actuacións en vivendas para mellorar a eficiencia enerxética. En total, calquera particular pode bonificarse ata 1.350 euros, máis 150 euros para cubrir os custes da emisión do certificado de eficiencia enerxética.
Normalidade no ciclo orzamentario
Galicia mantén un ano máis a normalidade do seu ciclo orzamentario, fronte á situación do Goberno central que comeza este exercicio 2020 coas contas de 2018 e doutras comunidades que teñen que prorrogar os seus presupostos. Coas contas que hoxe entran en vigor, son 40 os anos consecutivos nos que Galicia consegue aprobar uns Orzamentos.
Os Orzamentos de Galicia para o ano 2020 medran un 3% e ascenden a 10.149 millóns, 300 millóns máis que no 2019. Ademais, inclúen o maior gasto social da historia da Autonomía
-7.400 millóns de euros- e un incremento dos investimentos ata acadar os 1.691 millóns.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.