Noticias

Galicia pon en marcha unha nova incubadora de alta tecnoloxía para o sector da automoción

A Xunta e o Consorcio Zona Franca de Vigo lanzan hoxe a primeira convocatoria da High Tech Auto (HTA), a nova incubadora para o sector de automoción que vai complementar o labor da Business Factory Auto (BFAuto) no desenvolvemento de iniciativas innovadoras nun sector estratéxico para Galicia e prioritario dentro da Estratexia Europea de Especialización Intelixente (RIS3). A nova aceleradora de proxectos tecnolóxicos enmárcase no Programa Operativo Plurirrexional de España e conta co cofinanciamento da Fundación Incyde a través dos fondos Feder da Unión Europea. Desde Vigo apoiará proxectos da automoción e da industria auxiliar co obxectivo de validar ideas e tecnoloxías que dean lugar a modelos de negocio innovadores.

O obxectivo último da HTA é completar o ecosistema de innovación do sector automoción e compoñentes en Galicia, integrado por emprendedores, empresas, o sistema de coñecemento e I+D+i, as administracións públicas e as entidades financeiras, así como favorecer a transferencia de tecnoloxía do ámbito académico e tecnolóxico ao tecido empresarial e avanzar cara a consolidación da Industria 4.0.

Este novo foco de emprendemento especializado manterá aberta a súa primeira convocatoria ata o 14 de febreiro de 2020 e integrará entre os seus obxectivos e metodoloxías de traballo procesos que permitan orientar as iniciativas incubadas cara á BFAuto, tamén promovida polo Goberno galego. Ambas as dúas aceleradoras guiaranas de forma conxunta desde a fase semente ata que saian ao mercado e se consoliden.

Cuarta edición da BFAuto

Deste xeito, a iniciativa súmase ás aceleradoras sectoriais coas que Galicia conta noutros sectores produtivos, impulsadas tamén pola Consellería de Economía, Emprego e Industria ao abeiro da Axenda 4.0, como a aeronáutica (BFAero), o agroalimentario (BFFood), a biotecnoloxía (Bioincubatech) ou Agrobiotech (centrada no agroalimentario, a biotecnoloxía e a biomasa). Estas iniciativas intégranse en StartIN Galicia, a plataforma que aglutina aceleradoras e espazos coworkings cos que se está apoiando o desenvolvemento de 1000 proxectos emprendedores.

A BFAuto vén de seleccionar 20 novos proxectos empresariais para participar na súa cuarta edición, que botará a andar o próximo 9 de decembro. Cun récord de participación, xa que se presentaron 104 iniciativas de máis de vinte países, todos eles relacionados coa transformación dixital, as iniciativas elixidas responden aos retos tecnolóxicos propostos polo sector galego da automoción.

A posta en marcha desta aceleradora, na que cooperan a Xunta, o Consorcio da Zona Franca de Vigo, Groupe PSA e Ceaga, ten permitido crear 35 empresas (máis 14 novas nesta cuarta convocatoria) e máis de 250 empregos, cunha facturación de 33 millóns de euros en 2019.

R., 2019-11-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES