Noticias

O sector do videoxogo en Galicia pide paso na Culturgal 2019

A décimo segunda edición de Culturgal conta cun convidado que até o momento só asomara o nariz en anos anteriores. O sector do videoxogo é unha das presenzas novidosas desta Culturgal, que se desenvolve do 29 de novembro ao 1 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. Na tarde do venres 29 a I Xornada do Videoxogo quere cimentar un espazo común no que atoparse entre si no sector e atoparse co público. Un foro aberto a todas as persoas interesadas. No recinto feiral, empresas e proxectos destacados expoñen o traballo ao redor do videoxogo en Galicia: stands, demos e presentacións dirixidas a todas as idades. Na 12ª Culturgal, a programación inclúe ademais o sábado 30 e o domingo 1 obradoiros de robótica dirixidos a público infantil.

A I Xornada do Videoxogo, que ten lugar o venres 29 de novembro ás 17:30 no Salón de Actos do Pazo da Cultura de Pontevedra quere ser unha posta en común de experiencias e coñecemento relacionados coas últimas tendencias do sector desde unha perspectiva profesional e técnica. Profesionais das diferentes áreas de traballo desta industria comparten cos asistentes experiencias e coñecemento de utilidade sobre diferentes aspectos técnicos, empresariais e legais do desenvolvemento dos videoxogos. Xose Manuel Rey de videoxogo.gal subliña o futuro do sector a medio prazo destacando feitos no campo da formación como a primeira promoción do mestrado de videoxogos da Universidade da Coruña no campus de Ferrol, o grao de 4 anos de deseño e desenvolvemento da mesma universidade e os dous graos medios de FP en Vigo e na Coruña . Xerar elementos cohesionadores dentro do sector e normalizar esta actividade industrial como noutros países, son os obxectivos na Culturgal.

Manuel Meijide, vicepresidente de Videoxogo.gal, e Jacobo Sutil, director da Agadic presentan a xornada o venres 29 ás 17:30, que continúa coa mesa redonda. “O Videoxogo galego ás portas do 2020” con Miguel Areán (ePolygon), María Fernández Hermida (Desenvolvedora) Antonio Seoane (Docente da UDC), Anxo Lorenzo (director xeral Políticas Culturais, Xunta de Galicia) e Luz Castro (Videoxogo.gal), como moderadora. Ás 19:00 presentación de proxectos singulares no escenario do videoxogo galego: The Waylanders, Minimundos , Sea Bubble, Proxectos da Universidade (Odal), Revista Morcego / Podcast e MUVI.

Na Feira, un grupo de empresas dedicadas ao videoxogo conta coa súa área expositiva. O público de Culturgal atopará un espazo de cultura interactiva con DEMOS, presentación de proxectos, equipos de desenvolvemento e un convite a participar e probar produtos feitos en Galicia. A presenza da Universidade da Coruña neste espazo trae á Feira unha referencia no sector, cos seus especialistas e proxectos; ademais as empresas Gato Studio, Mundos Digitales, Polygon-e, Revista Morcego (un medio especializado desde Galicia), KST e Imaxin Software mostran o seu traballo ao gran público durante os 3 días da Culturgal 2019. “Non hai límites, non hai idades. O videoxogo xa non é o campo duns poucos, xóvenes, exclusivamente; democratizouse e na actualidade, nas diferentes plataformas, é consumido por todas as idades”, reseñan en videoxogo.gal.

Na 12ª Culturgal, a programación inclúe ademais o sábado 30 e o domingo 1 obradoiros de robótica dirixidos a público infantil e promovidos pola Deputación da Coruña. A empresa WavefunctionVR, radicada en Braga (Portugal) e centrada na realidade aumentada, con stand en 2019 na Culturgal. O público da Feira poderá gozar dos seus simuladores de realidade virtual. No Espazo Arte Contemporánea atoparémonos co stand de XOIA, unha empresa dedicada tamén á RV e RA, especialmente para proxectos expositivos e artísticos.

R., 2019-11-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES