
Estas posibilidades infinitas de construción e xogo coa arquitectura que ofreceu Argallar tiveron como obxectivo achegarlles á cativada e á centros escolares disciplinas como a arquitectura e a habitabilidade dun xeito lúdico e divertido. Ademais, permitiu demostrar que exposicións deste formato e con esta filosofía constitúen un xeito efectivo de rachar cos clixés de que os museos son espazos con contidos só para persoas adultas e pouco atractivos para pequenos e pequenas.
Encontro internacional con arquitectos e docentes
Esta exposición da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura estivo organizada pola Asociación Ludantia, APLU-Axencia de Protección da Legalidade Urbanística e Proxecto Terra do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Precisamente, estas entidades organizaron tamén de cara ao final de Argallar un encontro internacional con profesionais e estudantes de arquitectura e de educación Primaria e Secundaria ao redor da mostra: Playgrounds.
Esta xornada espertou un alto interese, ata o punto de esgotar as 170 prazas dispoñibles do foro, que ofreceu durante dous días o 1 e 2 de novembro nove conferencias con expertos e expertas internacionais e 20 obradoiros, onde levaron a cabo casos prácticos para mellorar a arquitectura nas escolas, espazos públicos e incluso cidades pensando na infancia.
Argallar e Galicia, un relato no mundo
Con esta exposición, a Xunta de Galicia completou a oferta expositiva do Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, tras o peche en setembro de Valor e mestría. Galicia como fútbol e Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia, ata a inauguración, este xoves, día 14 de novembro, de Galicia, un relato no mundo, a primeira das tres grandes exposicións do Goberno galego no marco do Xacobeo 2021 e que estará aberta ao público a partir deste venres, 15 de novembro.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.