Noticias

O Business2Sea, organizado polo Cetmar e o Fórum Oceano, aposta por unha ciencia mariña centrada na proteción e na sustentabilidade dos océanos

Esta edición do Business2Sea conta con preto de seiscentas persoas inscritas e ofrecerá entre hoxe e o vindeiro mércores un programa diversificado que incluirá conferencias, seminarios e talleres dedicados ás temáticas do evento, un programa de encontros de negocio e sesións de presentacións breves (pitches) organizadas no programa Curtas de Mar. O encontro conta ademais cunha compoñente expositiva e con actividades de divulgación e animación sobre cultura marítima e está dedicado a facilitar a interacción entre persoas e organizacións e a promover proxectos e negocios nos diferentes sectores da economía do mar.

A directora xerente do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, Paloma Rueda, defendeu hoxe en Porto que “a gobernanza para a sustentabilidade deberá ser o núcleo da axenda da investigación mariña”. Neste cometido, engadiu, é clave “a colaboración coas partes interesadas para identificar as prioridades da década dos océanos e, para conseguir o océano que necesitamos no 2030, a ciencia mariña deberá ser holística e transdisciplinaria; unha ciencia sustentable”.

Así o destacou durante a apertura da sesión plenaria do evento internacional Business2Sea 2019, que organizan o Cetmar e o organismo luso Fórum Oceano entre hoxe e o 13 de novembro en Porto e que nesta edición se centra na conservación dos océanos e no uso sustentable dos recursos mariños.

Durante a apertura da sesión plenaria na que tamén participou o presidente de Fórum Océano, António Nogueira, a directora do Cetmar puxo ademais de relevo a importancia de entender os elementos que inflúen nos océanos, como o cambio climático e a contaminación, entre outros, e de “predicir as súas interaccións”.

Nesta liña destacou o apoio das novas tecnoloxías e do manexo de datos como axuda para observar, entender e xestionar o océano e o efecto dos elementos que inflúen nel. Un labor no que é clave o papel da comunidade científica e ao que pode contribuír a celebración de eventos como o Business2Sea, subliñou.

Ademais Paloma Rueda puxo en valor a colaboración do Cetmar, dependente da Consellería do Mar, e do Fórum Oceano na organización do Business2Sea e agradeceu ás autoridades europeas que este ano se sumaran a esta cita coa celebración da 6ª Conferencia de Stakeholders do Atlántico e o evento anual do programa Interreg Espazo Atlántico.

R., 2019-11-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES