Noticias

A Xunta e o grupo de traballo local de Endesa solicitan ao Goberno central que impulse unha transición enerxética xusta e ordenada tal e como esixe a Comisión Europea

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reuniuse nas Pontes co grupo de traballo local por unha transición xusta de Endesa para solicitar ao Goberno central unha axenda política que inclúa solucións industriais que partan da colaboración e que permita impulsar unha transición enerxética xusta e ordenada tal e como reclama a Comisión Europea, que avoga por transicións xustas, que teñan en conta as consecuencias sociais desta transformación e que analicen os posibles impactos laborais e industriais da mesma. Esta é, segundo Conde, a única fórmula para salvagardar os postos de traballo e o tecido industrial galego a través dunha solución realista.

Así, reiteraron ao Goberno a posta en marcha de medidas como a eliminación do céntimo verde, o establecemento de iniciativas que estimulen unha combustión ecolóxica coa utilización de biocombustibles, ou a adopción de estímulos para as centrais que, como As Pontes, fixeron os investimentos precisos para adaptarse á Directiva Europea de Emisións Contaminantes.

Ademais reclaman ao Goberno a posta en marcha dunha mesa técnica que aglutine aos axentes implicados e a incorporación de Galicia na Plataforma Europea das Rexións Mineiras en Transición para poder acceder aos fondos europeos en 2021 e que serviría para reindustrializar zonas que se vexan afectadas, como As Pontes ou Meirama.

Conde lamentou a situación de incerteza que viven as 750 familias vinculadas á central das Pontes, pero tamén as 1600 de Alcoa San Cibrao ou as 400 de Parter, na Coruña, que contan cunha solución provisional ata 2021. Por iso pediu alternativas e apostar por unha transición co mesmo modelo que se está aplicando con éxito noutras partes de Europa, onde están operativas actualmente máis de 100 centrais térmicas.

O conselleiro finalizou asegurando que hai que seguir reclamando desde Galicia e desde a unidade un trato xusto, a definición de solucións inmediatas, a reactivación da actividade da térmica e salvagardar os postos de traballo.

R., 2019-11-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES