Noticias

A Xunta disporá en 2019 de preto de 600 millóns de euros para a creación de emprego de calidade e para contar con empresas máis competitivas, innovadoras e internacionais

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, presentou no Parlamento de Galicia as contas para o próximo ano, que suman preto de 600 millóns de euros para a creación de emprego e mellorar a competitividade das empresas. Resérvanse 260 millóns de euros á creación de máis emprego impulsando unha formación dual e flexible e lánzanse novas iniciativas para mellorar a empregabilidade dos colectivos prioritarios, como un novo programa dual de emprego para mozos e mozas e TécnicAs, para mellorar a presenza feminina no eido industrial

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, presentou no Parlamento de Galicia os orzamentos do seu departamento para o vindeiro ano 2020, que se incrementan nun 5% con respecto a 2019, ata alcanzar preto dos 600 millóns de euros, co obxectivo de seguir construíndo unha Galicia máis preparada, máis innovadora e máis verde. Tal e como explicou o conselleiro, trátase dunhas contas que teñen a vista posta no horizonte 2030 para contar cunha Comunidade que continúe crecendo e encare os retos actuais, multiplique as oportunidades de mozas e mozos e traballe para ser competitiva e verde.

Conde subliñou que estes orzamentos permitirán a Galicia cumprir cos seus compromisos en materia de emprego para rematar a lexislatura con 80.000 postos de traballo creados -xa levamos 61.000- e achegar a taxa de paro ao 10% -que se sitúa actualmente no 11,49%-. Unhas contas que tamén posibilitarán facer fronte aos desafíos que se derivan da situación actual, tanto a nivel nacional como internacional, apoiando así ao tecido industrial. Neste sentido avanzou que se activará un novo programa de axudas para traballadores e empresas afectadas por expedientes de regulación de emprego dotado con 4M€ e multiplicaranse por máis de tres -ata case os 17M€- os fondos destinados a acompañar ás empresas que en Galicia se poidan ver afectadas por este momento actual de inestabilidade.

Unha Galicia máis preparada

O conselleiro explicou que os orzamentos reservan 260 millóns de euros para conseguir unha Galicia máis preparada, capaz de anticiparse aos retos do novo modelo creando emprego en máis cantidade e calidade, apostando pola formación e a orientación e facendo fincapé na mocidade, nas mulleres, no emprego autónomo e na economía social.

Así, xunto coa consolidación de iniciativas que están a dar bo resultado como o Plan Galego de Formación -que contará con 66M€ para impulsar unha formación dual e flexible axustada ás necesidades do tecido produtivo e que reforza medidas como as Unidades Formativas en Empresas-; fortalécense eidos como a orientación -coa creación dunha nova escala de Orientación Laboral- ou o emprego autónomo; e impúlsanse novas medidas. Neste sentido destacan o novo programa dual de emprego para mozos e mozas menores de 30 anos, dotado con 5,2M€ para impulsar a súa empregabilidade; ou un doutorado industrial
-enmarcado no programa Talento 2021- para fomentar a mobilidade de persoal investigador entre o eido académico e as empresas. No eido do emprego feminino, inclúense novos programas como TécnicAs para acadar maior presenza das mulleres na industria ou Responsabilízate+i para promover a implantación de plans de igualdade.

Unha Galicia máis innovadora

Na súa intervención, Conde destacou que o segundo piar para construír un mellor futuro son a industria e a innovación. Así, trabállase co obxectivo de que a innovación e a transformación dixital chegue a todas e cada unha das empresas galegas, axude a manter o liderado galego nos sectores estratéxicos, á vez que posibilite abrir novas oportunidades de negocio.

A Consellería destina á Galicia innovadora ao redor de 210 millóns de euros. Seguiranse impulsando polos estratéxicos como o da automoción -apoiando o desenvolvemento de novas tecnoloxías relacionadas co vehículo eléctrico e apostando pola mobilidade eficiente-;
o polo naval, para avanzar no modelo de Estaleiro 4.0; ou o Polo Aeroespacial de Galicia, que contará con 15,5M€ para seguir avanzando no seu desenvolvemento. Ao tempo, continuarase cos Hubs de Innovación Dixital e lanzarase unha nova convocatoria de axudas dirixida ás empresas participantes para proxectos de I+D+i (7,5M€); e apoiarase o lanzamento e consolidación de polos noutros eidos.

Así, o polo das TIC, na Coruña, poderá acceder a fondos recollidos nestes orzamentos para comezar a desenvolverse e contribuír á modernización da base industrial do sector e á mellora das súas capacidades competitivas. O polo da biotecnoloxía de Santiago de Compostela contará cunha nova aceleradora no eido do descubrimento de fármacos -a Business Factory Pharma-; e avanzarase no polo termal e da enerxía a través do Ecobarrio de Ourense e da Lei de aproveitamento lúdico das augas termais.

Por outra banda, este impulso dos grandes polos da industria galega, acompañarase da aposta polas pequenas e medianas empresas a través do apoio integral que lles proporcionará a nova Estratexia Pemes, con 2,5M€ para desenvolver accións de formación, bonos de innovación ou actividades de sensibilización e divulgación, así como follas de ruta individuais. Ademais, mantense o compromiso co desenvolvemento da Industria 4.0 para contar cun tecido de maior tamaño e que aposte máis pola internacionalización e a diversificación: con máis de 45M€ para apoiar novos investimentos e ampliar os existentes e 34M€ para ferramentas que permitan reforzar as capacidades competitivas das empresas galegas.

Unha Galicia máis verde

Outra das grandes prioridades dos orzamentos de 2020 é avanzar nunha Galicia máis verde, para o que se destinan máis de 60M€. O conselleiro incidiu en que unha industria competitiva e forte é compatible cunha industria verde e responsable.

Por iso, destinaranse 32M€ a proxectos de aforro e eficiencia enerxética dirixidos tanto ás familias galegas -cun novo Plan Renove de electrodomésticos e axudas á domótica- como para a industria, con 6 de cada 10 euros desta partida para que poidan reducir a súa factura; e novos apoios para reforzar as liñas eléctricas dos polígonos industriais.

No ámbito da bioeconomía, preténdese afondar na incorporación de novas tecnoloxías, innovación e ecodeseño para que sexa un motor da competitividade. Así, apoiaranse proxectos construtivos de casas de madeira promovidos polos mozos e mozas no rural.

Conde finalizou subliñando que estes orzamentos reforzan a nosa Galicia Calidade, poñendo o foco nos galegos e galegas para seguir contribuíndo ao seu benestar a través da creación de emprego de calidade; e no tecido produtivo galego para contar con empresas máis competitivas, innovadoras e internacionais.

R., 2019-10-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES