Noticias

A Xunta convocará oposicións para cubrir 1.161 prazas de Administración Xeral, ademais das 591 de emprego social

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, anunciou que a Xunta remitirá esta mesma semana ás organizacións sindicais as convocatorias de oposicións para cubrir 1.161 prazas en diversas categorías de Administración Xeral. “Trátase de convocatorias moi agardadas polo persoal que quere estabilizar o seu posto de traballo e polos moitos mozos e mozas que aspiran a acceder a un emprego estable e de calidade na Xunta de Galicia”, subliñou o conselleiro.

Destas 1.161 prazas, 239 son para o corpo superior A1; 222 para o corpo de xestión A2; 291 prazas para o corpo administrativo C1; e 409 prazas de auxiliar administrativo C2. A estas prazas, hai que sumar as convocatorias de emprego social anunciadas o mes pasado con 591 prazas. A través de todas estas convocatorias, a Xunta non só promove a estabilidade do emprego temporal senón que tamén realiza a cobertura de prazas vacantes por xubilación ou de nova creación nos servizos públicos que presta a Administración galega.

Na súa comparecencia en comisión parlamentaria para presentar o proxecto de Lei de Orzamentos para 2020 e as contas da súa consellería, Valeriano Martínez lembrou que a Comunidade Autónoma disporá o vindeiro ano dunha capacidade gasto de 10.149 millóns de euros, un 3% que neste exercicio, co que Galicia contará con 300 millóns máis que este ano e 1.400 máis que en 2016.

Ademais, o Goberno galego seguirá apostando polo reequilibrio territorial cun maior gasto per capita nas provincias orientais respecto das atlánticas, de aí que o maior investimento por habitante volva producirse en Lugo (4.252 euros per capita) e Ourense (4.096), fronte aos 3.281 euros de A Coruña e os 3.200 de Pontevedra.

Menos impostos

As contas do vindeiro ano inclúen novas baixadas de impostos e manteñen todas as que xa están en vigor. Entre as novidades, figura a rebaixa do Imposto de Transmisións Patrimoniais (ITP) para a compra dunha vivenda no 94% do territorio galego, co obxectivo de fixar poboación no rural, así como a supresión do Imposto sobre Sucesións para as herdanzas inferiores a 1 millón de euros por herdeiro, co que o 99,9% dos galegos non pagarán este tributo cando reciban unha herdanza dun familiar directo. Tamén se aproban máis facilidades para a sucesión das empresas familiares e ponse en marcha unha novidosa ‘dedución verde’ no IRPF.

Ademais, en 2020 a Xunta ampliará de novo o volume de beneficios fiscais ata os 448 millóns de euros, o que supón un incremento do 4,1% respecto do actual exercicio e dun 23% -84 millóns- en comparación co 2016.

Reforzo do gasto social e dos investimentos

Os Orzamentos para 2020 reforzan un ano máis o gasto social, que medra en 275 millóns respecto a este ano e acada os 7.400 millóns de euros, a cifra máis alta da historia. Estes novos recursos permitirán incrementar o gasto directo en sanidade, no ensino e nas políticas sociais, e poñer en marcha medidas pioneiras no ámbito familiar como a gratuidade das escolas infantís a partir do segundo fillo ou a ampliación da Tarxeta Benvida. Tamén medra o capítulo de investimentos, que acada os 1.691 millóns de euros.

Xacobeo, menos débeda e empregados públicos

Nas contas do vindeiro ano tamén destaca a dotación para o Xacobeo, para o que se destinan 82 millóns para afrontar con éxito a preparación do vindeiro Ano Santo, e a redución do gasto en débeda, que baixa 22 millóns. Ademais, tamén se inclúe o crédito necesario nun fondo retributivo para elevar ata un 2,2% o salario dos empregados públicos e que se aplicará cando o Goberno central dite a norma habilitante.

R., 2019-10-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (compostela-tradfest-2026.jpg) O Compostela TradFest desenvolverase en tres dos espazos máis emblemáticos do casco histórico compostelán: a Praza da Quintana, a Praza de Mazarelos e a Igrexa da Universidade, integrando o patrimonio monumental da cidade nunha experiencia cultural aberta e gratuíta para todos os públicos. Entre os nomes máis destacados figuran Budiño, un dos grandes referentes da música galega actual; Felisa Segade, unha das voces máis recoñecidas da nova escena tradicional; a artista Ana Alcaide, acompañada polo estadounidense Bill Cooley; o portugués O Gajo ou o arxentino Martín Bruhn.
Foto de la tercera plana (festival.jpg) O porto da Coruña converterase este outono nun dos grandes espazos da música en directo en Galicia coa celebración da segunda edición de Son & Mar A Coruña. Entre o 18 de setembro e o 11 de outubro traerá á cidade máis de 30 artistas en 12 eventos repartidos ao longo de catro fins de semana, reforzando unha proposta que combina música, cultura e territorio. A principal novidade desta edición é precisamente o seu crecemento. Tras a boa acollida da estrea en 2025, Son & Mar A Coruña pasa de seis a 12 eventos, ampliando tamén a súa duración de dous a catro fins de semana consecutivos.

Notas

A USC celebra este ano o centenario da Biblioteca América, unha das coleccións bibliográficas e documentais máis singulares de Europa sobre o continente americano, coa exposición ‘A Biblioteca América: un soño inaugurado en 1926’ que abriu as súas portas no Colexio de Fonseca. A Biblioteca América da Universidade de Santiago de Compostela é un dos fondos americanistas máis singulares conservados en España.
A UDC acolleu o curso 'Descarbonización Industrial e Tecnoloxías de Captura, Transporte, Almacenamento e Uso do CO₂: Unha Visión Atlántica', no que se abordaron a redución de emisións en sectores industriais de difícil descarbonización, as cadeas de valor asociadas ao CO₂, as infraestruturas de transporte e almacenamento xeolóxico, así como as diferentes alternativas para a valorización deste gas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES