Noticias

A party informática XGN R Encounter arranca con cerca dun millar de inscritos e o dobre de velocidade de conexión

A party informática XGN R Encounter pon en marcha mañá a súa décimo novena edición, e faino superándose unha vez máis tanto en cifra de inscritos como en conectividade e número e calidade das súas propostas. Será preto dun milleiro de inscritos, fronte aos preto de 900 da pasada edición, os que tomen parte do evento na súa zona ‘Intranet’, o que supón un 12% máis. Estes dispoñerán dun posto para o seu equipo informático con dereito a acampar no interior do pavillón e tamén a gozar dun amplo programa de propostas e torneos exclusivos. Aprendizaxe, intercambio de experiencias e diversión serán os eixos dunha cita á que acoden tanto afeccionados como profesionais da informática, o lecer electrónico e as novas tecnoloxías.

A party tamén volverá contar coa ‘Extranet’, unha zona cun completo programa ao que poderán acceder gratuitamente os rexistrados e tamén os visitantes que se acheguen ao recinto de Silleda. Un espazo que conta cada vez con máis asistentes que queren experimentar, divertirse e escoitar a expertos do sector.

A XGN R Encounter segue así avanzando para converterse na segunda lanparty máis importante do Estado. Un obxectivo no que ten gran peso a súa vinculación coa rede de ' Encounters' da Fundación Euskaltel, que vén desenvolvéndose desde hai máis de 25 anos, e da que forman parte a Euskal Encounter, a Gipuzkoa Encounter, a Araba Encounter e a Technium R Encounter de Ourense.

Máis actividades

Este evento conta con numerosas actividades dirixidas exclusivamente aos rexistrados, como concursos de arte dixital nas súas tres vertentes, creación de imaxes dixitais, música dixital e programación. Ademais, o ‘hardware’ contará con numerosas actividades, entre elas modificación e personalización de equipos, ‘granxas’ de impresoras 3D e zonas de realidade virtual orientadas unicamente a estes participantes. Sumaranse os torneos de videoxogos, que nesta ocasión aumentan un 25% os seus títulos e inclúen estilos para todos os gustos. Ademais, haberá outras actividades tan divertidas como o “3 en pong”, a “ teletenda”, o “ trabaparty”, o “salto, salto…pedra, papel, tesoira” ou o “ cutreatro”

Por outra banda, tanto para os inscritos como para os visitantes á Extranet haberá moitas outras actividades. Destacará a proposta de realidade mixta, que combina a realidade virtual cun escenario con partes reais, o cal supón unha inmersión total. Nesta edición aumentáronse espazo e salas, e nelas poderán vivirse experiencias como camiñar por encima de edificios nunha gran cidade, mergullarse baixo o mar ou voar sobre un dragón.

Sumaranse a elas distintas conferencias con títulos tan atractivos como “Claves para que o teu negocio triunfe na internet”, “Seguridade e privacidade na rede”, “Mamá, mamá, quero ser hacker”, “Desenvolvemento de software no século XXI: converte a túa paixón na túa profesión”, “Introdución ao hacking de videoxogos” e “ Ivao, presente e futuro”.

Tamén haberá talleres, como “crea R” de robótica, onde os nenos poderán iniciarse na montaxe destes enxeños electrónicos nunha iniciativa enmarcada no programa Digitalent da AMTEGA, e os de chovafoam, material para o vestiario de cosplay (actividade consistente en usar disfraces e accesorios para representar unha personaxe de videoxogo, cinema, manga ou cómic). R tamén pon en marcha este ano unha xornada dedicada ás empresas, na que un experto en redes sociais ofrecerá pautas e consellos ás pemes para comunicar ben na internet e un emprendedor socio tecnolóxico de R expoñerá como sacou adiante a súa aventura empresarial.

As propostas continuarán con xogos de mesa, xadrez, billar, pistas deportivas, zona de consolas, campionato de karting, partidos de fútbol burbulla, un rocódromo, unha exposición de figuras de ciencia ficción, un concurso de cosplay ou zonas de rol, nerf e wargame.

En total serán máis de 70 as actividades dun programa que medra respecto á pasada edición co obxectivo de que a XGN R Encounter siga gañando en atractivo tanto para os rexistrados como para os visitantes.

R., 2019-10-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES