Noticias

A Cidade da Cultura albergará no 2020 o centro Gaiástech, un espazo de demostración e experimentación en tecnoloxías disruptivas

O Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura acollerá no segundo semestre do 2020 o Centro GaiásTech, un espazo de demostración e experimentación en tecnoloxías disruptivas, que ofrecerá ao ecosistema dixital galego unha ampla carteira de servizos para facilitar o seu posicionamento nas tendencias tecnolóxicas da vindeira década. O GaiásTech exercerá, ademais, o papel de coordinador da Rede de Nodos de especialización tecnolóxica de Galicia, a través dos que se desenvolverán modelos de colaboración público-privados para impulsar as tecnoloxías dixitais de máis impacto: 5G, Intelixencia Artificial, Big Data ou Ciberseguridade.

O centro, cuxa licitación se publica hoxe, é froito dun convenio entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, (Amtega) e a Consellería de Cultura e Turismo, que suman un investimento de preto de 2 millóns de euros para a remodelación de ao redor de 1.500 metros cadrados do Centro de Emprendemento, a dotación de equipamento e a súa xestión.

Servizos

Desde o GaiásTech elaborarase e divulgarase o mapa de capacidades dixitais de Galicia e desenvolverase un servizo de vixilancia tecnolóxica, que permitirá identificar as tendencias dixitais nos mercados, así como as posibles oportunidades de posicionamento para o sector TIC.

Tamén ofrecerá soporte e asesoramento especializado aos diferentes sectores para que integren as novas tecnoloxías dixitais. Para facilitar o aliñamento da demanda e a oferta TIC o GaiásTech porá a disposición do sector espazos para a demostración e a experimentación de solucións tecnolóxicas.

Será, ademais, un escaparate do talento dixital galego, servindo como canle de divulgación de proxectos innovadores e de boas prácticas de dixitalización. Acollerá talleres, formación e foros de debate e reflexión multidisciplinares sobre o impacto da revolución dixital na sociedade e a economía.

O GaiásTech configúrase, tamén, como un centro de experimentación e creatividade dixital para facilitar o achegamento do coñecemento tecnolóxico a idades temperas, en liña coas actuacións do Plan DigiTalent da Xunta para promover as vocacións tecnolóxicas entre os máis novos.

Equipamento avanzado

O futuro centro GaiasTech contará co seu xemelgo dixital na rede, unha plataforma tecnolóxica que integrará a axenda tecnolóxica de Galicia; facilitará o traballo colaborativo dos axentes dixitais dende calquera lugar; permitirá o acceso aos recursos dixitais en rede; así como a retransmisión e participación en streaming en calquera actividade ou foro.

Os espazos de demostración e experimentación dixital disporán de equipamento avanzado, que permitirá a aplicación de técnicas de realidade aumentada e virtual para conseguir experiencias inmersivas.

Por outra banda, a segunda fase do Centro de Proceso de Datos Integral dotará de capacidade de almacenamento e procesamento ao GaiásTech para dar resposta ás necesidades de instalación de plataformas e solucións tecnolóxicas avanzadas.

R., 2019-10-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES