Noticias

Os hoteis galegos aumentan a súa facturación ata chegar ao 70% da demanda turística de Galicia

O informe “Dinamismo do sector hoteleiro en Galicia 2009-2019”, publicado recentemente, reflicte que o número establecementos hoteleiros rexistrados na actualidade supera os 900, o que supón un incremento do 8% respecto dos 839 que había no ano 2009. En xeral, os números desprenden un balance moi positivo para o sector: O número de turistas aloxados pasou de 3,4 a case 4,2 (+23 %), e a cifra total de pernoitas case chegou aos 8,5 millóns (+13,7%). Destas, un 69% teñen lugar en hoteis. Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) e o Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas de Galicia (REAT), as prazas hoteleiras en Galicia incrementáronse en 2.800, desde o ano 2009, chegando así a preto das 55.000.

A aposta permanente do sector pola mellora na calidade e na competitividade e a capacidade para adaptarse aos cambios permitiron incrementar o peso do sector hosteleiro na nosa economía.

Información por Provincias

A profesionalización do sector e a aposta pola excelencia reflíctese no feito de que o número hoteis de catro estrelas na comunidade experimentou un crecemento de máis do 30 por cento. Desglosado por provincias, o crecemento na Coruña foi dun 13,3%, en Lugo dun 10,4%, en Ourense dun 9,4%, e en Pontevedra dun 3,8%. E en canto ás prazas ofertadas, o crecemento na Coruña foi dun 5,5%, en Lugo dun 7,5%, en Ourense dun 7,6%, e en Pontevedra dun 4,4%. En canto ó número de prazas, Pontevedra ten un total de 25.780 (407 establecementos hoteleiros), A Coruña 18.357 (280 establecementos), Lugo 6.285 (127 hoteis) e Ourense 4.538 (93).

Descentralización e Desestacionalización

Dúas son as claves da estratexia turística da Xunta de Galicia: A descentralización da oferta (que supón que os viaxeiros visiten toda Galicia en lugar de concentrarse en puntos concretos) e a desestacionalización do turismo (procurando que os turistas cheguen en calquera época do ano, para gozar da diversidade na oferta da comunidade.

A implantación do sector en Galicia estase a diversificar, no rural e nas cidades, na consta e no interior: Un 59% dos concellos contan con algún hotel nos seu territorio, cifra que supera o 80% se temos en conta o sector hoteleiro en xeral (incluíndo pensións).

Oferta por Concellos

Sanxenxo é o concello que ofrece máis prazas hoteleiras en toda Galicia, seguido polos concellos de Santiago de Compostela, Vigo, A Coruña e O Grove. Proporcionalmente o concello cunha maior oferta é Mondariz-Balneario (é fundamental neste valor o turismo termal), atendendo ao número de prazas por cada 100 habitantes. Despois deste, están Sanxenxo, O Grove, e outras vilas rurais das provincias de Lugo e Ourense, como Pantón, Lobios ou Cenlle, o que mostra a importancia do sector hoteleiro á hora de fixar poboación e crear postos de traballo estables e de calidade nos concellos do rural.

Incremento de ingresos no primeiro semestre

A rendibilidade e competitividade do sector, e a capacidade para crear emprego de calidade e desestacionalizado, pode observarse nos ingresos obtidos durante o primeiro semestre do ano, que superan os 118 millóns de euros, o que supón un incremento dun 10,2%. Extrapolando este ritmo chegaríamos a finais de ano con máis de 300 millóns de euros de ingresos, é dicir, un 38% máis que no ano 2014.

O Plan MAT (Mellora de Aloxamentos Turísticos)

O Plan MAT é unha estratexia promovida pola Xunta de Galicia que mobilizará case 5 millóns de euros para procurar favorecer a renovación dos establecementos hoteleiros galegos, unha aposta polo turismo de calidade coa vista posta no Xacobeo 21. Uns 70 establecementos serán os beneficiarios este ano dunha liña de axudas de máis de 1,2 millóns de euros, para melloras na accesibilidade, e para modernización de instalacións, innovación, servizos e aforro enerxético. Pontevedra será a provincia máis beneficiada con este programa, cun 54% das axudas. Por sectores, os hoteis percibirán un 66% das subvencións, e o resto se repartirá entre turismo rural, pensións, cámpings, apartamentos e albergues.

A estes importes hai que engadirlles un millón de euros mobilizados o ano pasado e repartidos entre 54 empresas do sector. Pola súa banda, a Consellería de Economía, Emprego e Industria habilitou dentro do programa Reforma Tur un importe total de 3 millóns de euros para 500 establecementos hoteleiros. Así, desde 2018 o Goberno galego colabora coa renovación duns 625 establecementos cunha partida de 5 millóns de euros.

R., 2019-10-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (premiso-rse-galicia-2026.jpeg) Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
Foto de la tercera plana (pesca-azul.jpg) A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade. Villaverde trasladará que Galicia afronta este debate desde unha posición singular pola dimensión e diversidade do seu complexo mar-industria, cunha extensa frota de baixura e pequena escala, unha importante presenza da altura e gran altura, unha industria transformadora e conserveira de referencia e unha acuicultura cun destacado peso na produción comunitaria.

Notas

Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
A campaña de escavación arqueolóxica realizada este verán na Cova do Santo e na Pala da Zorra, no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá, Ourense), permitiu obter novos datos sobre a ocupación e a historia destas cavidades ao longo da Prehistoria e confirma que conservan un rexistro de gran valor para coñecer tanto as comunidades humanas da Prehistoria como e as paisaxes que ocuparon este territorio miles de anos atrás. Os traballos dan continuidade ás investigacións iniciadas en 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES