Noticias

O IGE constata que aumenta o número de persoas que fala galego, que se consolida como lingua maioritaria

O Instituto Galego de Estatística fixo públicos os datos do Módulo de coñecemento e uso do galego da Enquisa estrutural a fogares de 2018, que mostran a consolidación da lingua galega como idioma maioritario de Galicia. Por primeira vez desde que en 2013 se publicara este módulo , medra lixeiramente a porcentaxe de persoas galegofalantes, entendendo por tales as que falan só o galego e máis galego ca castelán, ata chegar a sumar un 51,88% da poboación. Se a elas lles sumamos as bilingües con predominio do castelán, temos que se incrementa ata un 75,02% a porcentaxe de galegos que emprega nalgunha medida o idioma propio de Galicia na súa vida cotiá

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez compareceu esta mañá ante os medios para valorar os resultados. O conselleiro cualificounos de “positivos”, por canto é a primeira vez, desde que en 2003 se comezara a publicar este estudo, en que medra o número de persoas que fala o galego de maneira habitual. “Hoxe falan galego máis persoas que hai cinco anos”, cando se realizou o último estudo.

Román Rodríguez destacou, á espera de analizar polo miúdo toda a información que hoxe publicou o IGE, o incremento de máis de dous puntos dos pais e nais que lles falan o galego aos seus fillos, un feito que favorece a transmisión familiar da lingua. Ademais, recordou que seguimos sendo a comunidade autónoma que asegura uns maiores índices de coñecemento da lingua propia cooficial. “As cifras amosan que estamos ante un escenario sociolingüístico positivo, que reflexa un modelo de convivencia no uso das linguas”, afirmou. De feito, en eidos como a competencia escrita, acádase unha porcentaxe histórica de 86,79%.

Máis galego na vida cotiá, na familia e nas redes sociais

Por primeira vez desde que en 2013 se publicara o módulo do IGE relativo á lingua, medra lixeiramente a porcentaxe de persoas galegofalantes, entendendo por tales as que falan só o galego e máis galego ca castelán, ata chegar a sumar un 51,88% da poboación (fronte ao 50,90% da enquisa anterior, correspondente a 2013). Se a elas lles sumamos as bilingües con predominio do castelán, temos que se incrementa ata un 75,02% a porcentaxe de galegos que emprega nalgunha medida o idioma propio de Galicia na súa vida cotiá (72,9% na enquisa de 2013), o que supón preto de dous millóns de falantes. Os datos mostran, así mesmo, un pequeno incremento do bilingüismo fronte ao monolingüismo, tanto en galego (que case se mantén) como en castelán (cun descenso un pouco maior).

O galego parece mellorar tamén os seus índices de transmisión familiar, dado que crecen en máis de dous puntos e medio os pais e nais que se dirixen exclusivamente en galego aos seus fillos, ata alcanzar o 44,34% dos proxenitores. En todo caso, son maioritarios os fogares nos que se falan ambas as linguas indistintamente, en concreto un 62,9%. Paralelamente, a porcentaxe de poboación que fala galego nas xeracións máis novas increméntase un punto, tanto de 5 a 14 anos como de 15 a 29.

O IGE incorpora na enquisa de 2018 un dato novo relativo ao uso do galego nas redes sociais, que alcanza a case un 48% da poboación que as emprega. Constátase unha melloría no uso do galego en internet, o comercio ou a lectura, entre outros.

E se os datos de uso semellan alentadores, os de coñecemento do galego continúan a ser os mellores entre as linguas cooficiais do Estado español, con descensos na porcentaxe de cidadáns que non saben falar nada (menos do 3% da poboación) nin escribir en absoluto o galego (arredor do 13%).

Módulo de coñecemento e uso do galego

O Instituto Galego de Estatística (IGE) é un organismo autónomo da Xunta de Galicia creado no ano 1988 e que se rexe basicamente pola Lei 9/1988 de Estatística de Galicia. Presta servizos de recompilación e difusión da documentación estatística dispoñible, desenvolve bases de datos de interese público, analiza as necesidades e a evolución da demanda de estatísticas e asegura a súa difusión.

Anualmente, elabora a súa Enquisa estrutural a fogares, antes denominada Enquisa de condicións de vida das familias, para a cal se realizan case 10.000 entrevistas, o que asegura a calidade das estatísticas resultantes. A dita enquisa consta dun módulo xeral, con informacións sobre variables básicas, e diversos módulos específicos. Entre estes últimos encóntrase o Módulo de coñecemento e uso do galego, que se realiza desde o ano 2003 cunha periodicidade quinquenal.

R., 2019-09-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.
Foto de la tercera plana (hoteis-galicia.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este martes os datos da enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega, que revelan que os hoteis e pensións galegas ingresaron nos oito primeiros meses do ano 334,7 millóns de euros, que revelan un incremento do 6,6% con respecto ao mesmo período do pasado ano. A rendibilidade hoteleira medra nos oito primeiros meses do ano o 7,5%. Só no mes de agosto, o sector tivo uns ingresos de 92,4 millóns de euros que se traducen nunha suba do 8,8% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Por primeira vez supérase a barreira dos 90 millóns de euros de ingresos no mes de agosto rexistrando un máximo histórico.

Notas

O luns 28, Día Internacional do Dereito a Saber, arranca na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC) a XI edición do Congreso Internacional de Transparencia e Bo Goberno (CIT), que se prolongará ata o martes 29 co apoio institucional da Xunta de Galicia, o Consello de Contas e o Consello Consultivo, entre outras institucións e organismos.
137 traballos científicos elaborados por preto de 260 autores vinculados a 52 institucións académicas e de investigación de máis dunha ducia de nacionalidades. A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da UVigo acollerá o 1 e 2 de outubro, o ITC’26, 18º Congreso Internacional de Turismo, un encontro académico e profesional no que se reunirá persoal investigador, docente e experto en turismo transfronteirizo procedente de catro continentes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES