Noticias

Máis de 100.000 persoas asistiron ao 33º Festival Noroeste Estrella Galicia, un dos referentes do panorama musical coruñés

A 33ª edición do Festival Noroeste Estrella Galicia consolidou a cita musical como referente no panorama estatal do verán. Máis de 100.000 persoas asistiron a un festival que segue a crecer en popularidade e que se sitúa como un dos piares fundamentais do patrimonio cultural da cidade. Ao longo de seis xornadas, o festival, organizado polo Concello da Coruña, programou máis de 150 de horas de música ao vivo nun total de 13 espazos da cidade, achegando así a todos os públicos as propostas musicais de máis de 75 bandas e artistas, das que un 50% son galegas e máis dun 45% contan con presenza feminina.

Entre as actuacións que mellor acollida tiveron nesta 33ª edición sitúanse as actuacións no areal de Riazor, no que o Festival Noroeste Estrella Galicia apostou por programar grandes bandas lideradas por mulleres, ademais dos grupos gañadores do Concurso de bandas e solistas de Cuac FM. Así, o público gozou das actuacións de Patti Smith and Band ou Nathy Peluso, ademais das de Belako e The Sounds na segunda xornada de concertos na praia. En canto ao Noroeste Expandido, algunhas das actuacións máis aplaudidas foron as de Baiuca, Mastodonte, The Last Internationale, Soleá Morente, La URSS ou Toundra, ademais da de Paco Ibáñez, que esgotou as entradas do seu concerto semanas antes do seu recital no Teatro Colón. Outra das citas máis celebradas nesta edición foi a de Anni B Sweet, unha proposta que tivo lugar no parque do Paseo das Pontes, no Mercado da Colleita.

A iniciativa de compromiso social impulsada pola Corporación Hijos de Rivera obtivo tamén un importante número de asistentes. A proposta do Mercado da Colleita atraeu a máis de 20.000 persoas durante a fin de semana, o que supón un aumento considerable de participantes nun evento capaz de xerar un ambiente único arredor do medio ambiente, o desenvolvemento sostible, o consumo responsable e a posta en valor da orixe. Por cuarto ano consecutivo, a romaría popular contemporánea que propón o Mercado pechou a axenda de concertos do Festival Noroeste Estrella Galicia ante o fervor do público, cun cartel que contou con artistas como Silvia Penide, Los Punsetes ou Joe Crepúsculo.

Outra das iniciativas que acadaron unha boa acollida entre públicos de todas as idades foron as sesións matinais. Por terceiro ano, as propostas máis singulares da escena independente galega e estatal encheron de música o centro urbano da Coruña á hora do aperitivo grazas aos escenarios situados nas as rúas Capitán Troncoso e Torreiro, ademais da praza de José Sellier Loup e o Bulevar do Papagaio. Bandas como Ladrillo y Mujer, Blanco Palamera ou Indi Tumbita & The Voodoo Bandits sorprenderon ás asistentes ás diferentes sesións que se celebraron nas mañás do xoves, venres e sábado.

As altas cifras de asistencia confirman o crecemento exponencial en popularidade do festival nas últimas edicións. En internet, o Noroeste Estrella Galicia, que suma máis de 32.000 seguidoras e seguidores en redes sociais, acadou un grande impacto, chegando a máis de 3 millóns de persoas durante a súa celebración. Esta popularidade levou ao cancelo #Noroeste2019 a situarse, durante a xornada de apertura, como trending topic a nivel local e estatal.

ÉXITO DO DISPOSITIVO PREVISTO ANTE AS INCLEMENCIAS METEOROLÓXICAS

A previsión, por parte da organización do Festival Noroeste Estrella Galicia, dun dispositivo especial por mor das inclemencias meteorolóxicas permitiu a celebración de todos os concertos programados para esta edición, co traslado das actuacións dos espazos afectados pola choiva a outros recintos, ou ao interior dos mesmos. Así, os concertos previstos para o xoves 8 na Praza das Bárbaras celebráronse na praza da Constitución; os da praza de San Nicolás sumáronse aos do Campo da Leña, que ampliou o seu horario para abranguer todas as actuacións, e o recital de Hailu Mergia do Castelo de Santo Antón moveuse ao Teatro Colón. A este mesmo espazo trasladouse o concerto de Soleá Morente do mércores 7 por mor do empeoramento das condicións meteorolóxicas nesa mesma xornada. Nestes casos, ante o aumento da capacidade do patio de butacas, a organización do Festival puxo á disposición do público novas entradas horas antes de cada actuación.

A pesar das intensas choivas, a asistencia e entrega do público en cada un dos concertos programados foi única e masiva, polo que o Festival Noroeste Estrella Galicia quere agradecer a todas as persoas asistentes o seu compromiso coa música ao vivo e cunha cita imprescindible que xa é referente no patrimonio cultural da Coruña.

R., 2019-08-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260608-parlamento.jpg) Tivo lugar a xornada 'Deputados por un día', na que os escolares galegos levaron ao hemiciclo as súas propostas para mellorar a sociedade. Os catro representantes dos colexios, un por provincia, compartiron na Cámara as súas reflexións sobre a convivencia, o tema arredor do que xira este curso o programa educativo Abraza tus valores, e a relación dos menores coas tecnoloxías. Participaron máis de 8.300 escolares de entre 4 e 12 anos de 83 centros públicos, concertados e privados de Galicia (Arquitecto Casas Novoa de Santiago, o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense e o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, de Piloño).
Foto de la tercera plana (vivenda-2023-02.jpg) A actividade levada a cabo pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para protexer o medio ambiente e o patrimonio natural e paisaxístico galego permitiu o pasado ano a reposición da legalidade en 121 actuacións en toda Galicia. Estas reposicións foron resultado do labor do equipo inspector do organismo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e repartíronse principalmente na provincia de Pontevedra, con 60 actuacións, seguida da Coruña con 30, Lugo con 21 e Ourense con 10.

Notas

A Real Filharmonía de Galicia presenta a súa programación de verán de 2026 cun percorrido que reafirma o compromiso da institución coa difusión da música clásica, a apertura a novos públicos e a proxección da orquestra dentro e fóra de Galicia. Entre xuño e agosto, a RFG ofrecerá varios concertos en Santiago e participará en citas destacadas como o Festival Internacional de Música de Espinho, o Noia Harp Fest, o Galicia Clarinet Fest ou o Festival Bal y Gay.
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías aspira a coordinar a construción do prototipo dunha parte esencial para o FCC, o futuro colisionador de partículas do CERN. A construción do prototipo será unha iniciativa estratéxica para a I+D+I en Galicia, xa que implicará tanto á academia como ao tecido industrial especializado no ámbito dos aceleradores de partículas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES