
O custo laboral bruto por traballador en Galicia aumentou en 2018 ata os 27.989,5 euros, o que tamén representa a cifra máis alta de toda a serie histórica. Ata agora, o ano co maior custo laboral bruto rexistrado en Galicia fora o 2011, cando este indicador que inclúe o custo laboral neto e tamén as subvencións e deducións chegara ata os 27.713 euros.
Ademais, como xa avanzou o Instituto Nacional de Estatística (INE) a pasada semana, Galicia foi unha das comunidades autónomas onde máis medrou o custo laboral bruto en 2018. En concreto, este indicador medrou en Galicia un 1,5%, o sétimo maior incremento de todas as comunidades e por riba do crecemento da media española (+1,1%). Pola contra, o custo laboral bruto reduciuse en catro comunidades autónomas o pasado ano.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.