
O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación do festival Espazos Sonoros 2019, que celebrará do 1 de setembro ao 6 de outubro a súa duodécima edición. A música, a arquitectura e a paisaxe son protagonistas deste ciclo promovido pola Xunta de Galicia e que este ano ofrece achegarse a edificacións históricas dos concellos de Baiona Carballedo, Parada de Sil, Tui, Cee, Rois, Leiro e Becerreá, a través dunha programación musical que inclúe de xeito complementario andainas, visitas guiadas e obradoiros.
A igrexa de Santa Liberata, a de Santo Estevo de Chouzán, o mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, a catedral de Tui, a capela do antigo colexio-instituto da Fundación Fernando Blanco, o pazo do Faramello, a igrexa de San Miguel de Lebosende e o mosteiro de Santa María de Penamaior, son os espazos patrimoniais, civís e relixiosos nos que se poderán escoitar agrupacións galegas e internacionais de estilos e procedencias diversas, como o grupo Cantaderas, que mestura música vocal da Idade Media con outras procedentes da tradición oral e que abrirá a programación o 1 de setembro.
Xunto con Cantaderas, o Dúo Fracanapa, Michael Schöch, Mateo Arnáiz, Rosalía Gómez Lasheras, LUnisoni e Capella des Ministrers son os artistas e agrupacións que forman parte do programa musical, que se mesturan cunha xornada en Santo Estevo de Chouzán, cun obradoiro de achegamento á música antiga, cunha visita guiada polo mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil e con roldas pola paisaxe organística galega entre outras actividades.
No acto de presentación da programación, que xa pode consultarse en http://www.espazossonoros.org, tamén participou a directora artística de Espazos Sonoros, Belén Bermejo, e, durante o transcurso do mesmo, Anxo M. Lorenzo referiuse ao ciclo como un evento consolidado no calendario cultural galego que renova a súa programación musical ofrecendo interesantes experiencias musicais.
Programación cultural arredor do patrimonio
A Consellería de Cultura e Turismo vén promovendo toda unha serie de actividades que contribúen á difusión e á valoración social do patrimonio cultural material e inmaterial de Galicia. Precisamente, o 3 de agosto botará a andar Monumenta, que, baixo o epígrafe Andar con arte, convida a camiñar para vivir e descubrir o patrimonio material e inmaterial galego.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.