
Galicia volveu ser no mes de maio a comunidade autónoma que mellor paga as súas facturas, segundo reflicte o último informe sobre Prazos de pago a provedores e débeda comercial das Comunidades Autónomas, publicado hoxe polo Ministerio de Facenda.
O período medio de pago en Galicia reduciuse a 15 días, o máis baixo de toda España, mentres que a media autonómica situouse nos 33,5 días. Os datos oficiais da Administración do Estado mostran tamén que este indicador en Galicia mantívose 15 días por debaixo do límite que establece a normativa estatal, que é de 30 días.
En canto á débeda comercial, os datos do informe elaborado pola Secretaría de Estado de Facenda sitúan a Galicia de novo como a comunidade con menor débeda comercial de España. A ratio de débeda/PIB de Galicia situouse no mes de maio no 0,08%, a máis baixa de toda España e inferior á media autonómica, que foi do 0,36%. Ao peche do mes de maio, a débeda comercial do conxunto das comunidades autónomas era de 4.468,8 millóns de euros, dos que 53,6 millóns o 1,2% do total- corresponden a Galicia.
Galicia xa foi a comunidade líder no ano 2018 en axilidade no pagamento aos seus provedores, e neste 2019 rematou o primeiro trimestre do exercicio en segunda posición e no mes de abril recuperou o liderado nesta materia. Os datos oficiais mostran que Galicia conseguiu manter no mes de maio este liderado.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.