Noticias

Vinte de cada cen estudantes de sexto curso de Primaria teñen unha competencia dixital baixa

Vinte de cada cen alumnos/as galegos de 6º curso de Primaria contan cunha competencia dixital baixa, segundo os resultados da investigación realizada polo grupo Stellae da USC sobre ‘ Competencia dixital en estudantes de educación obrigatoria. Entornos socio-familiares, procesos de apropiación e propostas de inclusión’, realizado coa subvención do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade. O obxectivo do traballo foi “identificar, avaliar e comprender a competencia dixital ao rematar a etapa do ensino primario, así como comprender a influencia desta aprendizaxe nos procesos de inclusión social”, explican as investigadoras Adriana Gewerc Barujel e Esther Martínez Piñeiro. En total recolleuse o testemuño de 764 rapaces e rapazas, dos 312 procedían da provincia da Coruña, 264 da de Pontevedra, 141 de Lugo e 47 de Ourense.

A partir da análise dos resultados dunha proba realizada entre 764 rapaces e rapazas de toda a comunidade autónoma, o grupo de investigación da USC conclúe que o 67% do alumnado posúe unha competencia de nivel medio, mentres que unicamente doce de cada cen alcanzan un nivel alto. Cada unha das persoas consultadas realizou unha proba estruturada en cinco partes, cada unha referenciada a unha área competencial distinta, composta por preguntas relacionadas co seu nivel de coñecementos e capacidades, así como por preguntas de carácter actitudinal. As cinco partes avaliadas aludían a información, comunicación, creación de contidos, seguridade e resolución de problemas no plano dixital.

Como explican as investigadoras da USC, de media o alumnado obtén na proba unha nota final de 6 nunha escala de 10 puntos, “se ben, atendendo aos coñecementos, o alumnado suspende en tres das cinco áreas analizadas”. Concretamente o alumnado suspendería en información (nota media de 4,8), creación de contidos (4,6) e resolución de problemas (4,8). Fronte isto as autoras do estudo opinan que “falta, pois, un maior manexo de conceptos coñecemento competenciais básicos”.

Pola contra, as puntuacións máis altas (por riba de 7,5) están relacionadas coas actitudes do alumnado en todas as áreas da competencia dixital, “especialmente na de seguridade e comunicación”. Neste senso, para Adriana Gewerc e Esther Martínez os datos sinalarían que “son maioría aqueles/as que son conscientes de como deben actuar, especialmente en cuestións de seguridade e comunicación”.

Xénero e influencia familiar

Atendendo aos posibles factores que inflúen na situación actual dos rapaces e rapazas nesta idade, as investigadoras inciden na localización do centro, xénero das persoas consultadas e hábitos de uso ou o nivel formativo da nai. Respecto deste último, as puntuacións obtidas nas proba “non gardan relación co nivel formativo do pai, pero si co da nai. O alumnado cuxa nai posúe estudos universitarios obtén mellores puntuacións”, concretan as investigadoras da USC. Dende o punto de vista do xénero, tamén destaca o feito de que as rapazas obteñen mellores puntuacións, “ non tanto por ter maiores coñecementos senón por obter mellores rexistros en canto ás actitudes”.

En relación á localización do centro, as provincias da Coruña e Lugo obteñen a mesma puntuación media de 6,2, “se ben é na primeira onde hai maior proporción de alumnado cunha competencia alta, do 17%”. Ourense é a provincia onde a competencia dixital é menor, coa metade do alumnado cun nivel baixo.

Emprego do ordenador

Outros aspectos identificados nesta investigación poñen en valor a importancia da lectura, xa que as rapazas e rapaces con hábito lector obteñen, en termos xerais, mellores puntuacións medias na análise da competencia dixital que aqueles/as que non integran a lectura como parte do seu ocio. O estudo tamén destaca que cantos máis días á semana empregan o ordenador, maior é o nivel de competencia dixital. As investigadoras opinan que este maior nivel de competencia está relacionado coa utilización do ordenador para a busca de información. O emprego doutros dispositivos electrónicos, xa sexa móbil ou tablet, “non incide no nivel competencial”, xa que o traballo non atopou diferenzas entre quen apenas os usan e quen son usuarios habituais.

Outras das conclusións alcanzadas apuntan a que a dimensión informacional da competencia dixital –que habitualmente se emprega na escola-, non parece estar traballándose na profundidade desexable.

Metodoloxía

En total recolleuse o testemuño de 764 rapaces e rapazas, dos 312 procedían da provincia da Coruña, 264 da de Pontevedra, 141 de Lugo e 47 de Ourense. Os centros escolléronse seguindo criterios de hábitat: en función da provincia e da densidade poboacional do municipio. Finalmente escolléronse algúns centros onde se desenvolve o programa Edixgal e outros nos que non para, como explican as investigadoras, tratar de manter en todo caso a maior correspondencia coa distribución do universo poboacional.

R., 2019-07-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES