
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, subliñou que a Xunta destinará 350 M ata 2022 ao desenvolvemento da Axenda Industria 4.0 para, deste xeito, anticiparse aos cambios do novo modelo; aumentar o tamaño das empresas; favorecer a aposta polo talento dixital; e contribuír á reinvención do tecido industrial e á súa especialización desde o punto de vista tecnolóxico.
Como explicou o titular da Xunta na rolda de prensa posterior ao Consello, o desenvolvemento da Axenda permitirá facilitar a creación de 13.500 empregos industrias e a mobilización de 900 M nos próximos catro anos.
En concreto, precisou que este ano e o que vén se desenvolverán 4 medidas clave que afondarán na transformación do tecido produtivo cara á Industria 4.0: a prestación de servizos a pemes, o desenvolvemento de centros de fabricación avanzada; a creación dun Observatorio da Industria 4.0; así como un programa de financiamento para as empresas.
Ademais, o titular do Goberno galego indicou que a nova Axenda será presentada aos representantes empresariais e sindicais para coñecer as súas propostas e, acto seguido, destacou que, entre 2015 e 2018, a devandita Axenda apoiou case 9.000 empresas permitindo a mobilización de máis de 900 M en Galicia e creando máis de 14.000 novos empregos industriais.
Así mesmo, destacou que, entre 2007 e 2013, a nosa Comunidade executou preto do 40% de toda a compra pública innovadora que se contratou en España, en concreto 112 M dun total de 293. No período seguinte (2014-2020) que aínda non finalizou a Xunta está a executar xa proxectos de Compra Pública Innovadora por preto de 100 M.
A este respecto, salientou que a Administración autonómica foi recoñecida en dúas ocasións co Premio nacional de innovación na modalidade de compra pública innovadora. En concreto, polos programas Hospital 2050 e en relación ao Polo Aeroespacial de Galicia.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.