En canto ao marco normativo do paquete lácteo, que detallaron Jorge Piñeiro, Juan José Cerviño e Pablo Fernández (respectivamente subdirector xeral e funcionarios do FOGGA), fíxose especial fincapé nas condicións que establece o Real Decreto 95/2019 sobre os contratos lácteos e as relacións entre produtores, cooperativas e organizacións de produtores.
Concha Gafo, do servizo xeral de leite e derivados lácteos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, achegou datos sobre a situación do sector lácteo: España suma o 4% do censo de gando vacún europeo e Galicia o 40% do español. Galicia produce o 38% do leite nacional, aínda que dende o fin das cotas lácteas se reduciu nun 17% o número de gandeiros. Segundo os datos, concluíu: Podemos afirmar que non hai deslocalización na produción, que era un medo que había coa desaparición das cotas lácteas. Destacou tamén que o Ministerio se compromete a regular o papel dos primeiros compradores lácteos e que realiza un traballo moi exhaustivo coas Comunidades Autónomas e co sector para establecer as necesidades da PAC.
En canto á proxectos da Consellería do Medio Rural, Marcos Barreiro, xefe de servizo de Análises e informes, destacou que entre as cuestións que preocupan á Mesa do Leite atópanse a substitución xeracional, a reorientación produtiva e a xeración na cadea de valor ou a promoción dos produtos lácteos, e Miguel Ángel Pérez, director xeral de Desenvolvemento rural, centrouse na mobilidade da terra: Se non podemos ter unha agricultura sustentable porque a estrutura da propiedade non soporta explotacións rendibles, a xente abandona o campo; un mecanismo para solucionalo, afirmou, é a concentración parcelaria. Galicia suma a menor superficie de parcela por propietario, con 1,7 hectáreas de media, seguida por Canarias con 2,4 hectáreas.
Finalmente, Victorio Collado, técnico de Gandería de Cooperativas Agro-alimentarias de España, centrouse no programa de prescrición e uso razoable de antibióticos en vacún de leite.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.