
Os datos do IGE mostran que os fogares que declaran chegar con dificultade a fin de mes baixaron máis de dez puntos respecto ao trimestre anterior do 38% ao 27,9%-, un descenso que é de case oito puntos do 35,6% ao 27,9%- en comparación co mesmo trimestre do ano anterior. En canto aos fogares con moitas dificultades, este indicador mantívose estable no último trimestre pasou do 5,5% ao 6,6%- e mellorou máis de tres puntos no último ano, ao pasar do 9,8% ao 6,6%.
Esta mellora da situación económica que declaran os fogares galegos reflíctese no aumento de familias que declaran chegar con facilitade ou moita facilidade a fin de mes, cunha mellora de máis de nove puntos respecto ao primeiro trimestre (do 56,4% ao 65,5%), un incremento que é aínda maior en comparación co mesmo período de 2018, ao pasar do 54,6% ao 65,5%, é dicir, case 11 puntos máis. En todo caso, os datos do IGE van na mesma liña dos publicados a semana pasada polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que sitúan a Galicia como unha das comunidades con menos fogares con dificultades económicas.
Mellora a confianza dos consumidores
A enquisa trimestral do IGE tamén mostra unha mellora da confianza dos consumidores galegos, xa que o Indicador de confianza do consumidor (ICC) mellorou máis de catro puntos en comparación co primeiro trimestre do ano, ao pasar do -12 ao -7,9. Esta cifra supón o segundo valor máis elevado de toda a serie histórica, só superado polo -7,6 acadado no terceiro trimestre do ano 2017.
Os datos do IGE reflicten unha mellora dos catro indicadores parciais que conforman o ICC: a situación financeira persoal, que por vez primeira acada valores positivos; a capacidade futura de aforro, a situación económica de Galicia e a evolución do desemprego.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.