Noticias

Galicia duplica o seu saldo migratorio co extranxeiro, con preto de 13.000 persoas

Segundo o Instituto Nacional de Estadística, Galicia recibiu doutros países 12.884 habitantes máis dos que saíron, o que supón un incremento que case dobra (un 98,82% máis) a cifra de 2017, cando entraron en territorio galego 6.882 persoas máis das que saíron. Deles, 2.885 teñen nacionalidade española, o que se traduce nun aumento do 47% en relación aos 12 meses anteriores, cando o saldo positivo deixaba 1.954 españois novos en Galicia (unha vez restados os que saíron).

Tamén o balance da poboación que chegou a Galicia desde outras partes de España respecto á que saíu experimentou un crecemento máis ca notable, cun 220,57% de incremento, deixando unhas cifras positivas en 252 habitantes.

Foron os españois residentes noutras comunidades autónomas os que máis aportaron a este crecemento, cun incremento do 264,81% respecto a 2017 e un saldo en termos absolutos de 178 persoas máis.

En ámbolos dous casos, tanto no saldo co estranxeiro coma co nacional, a provincia de Pontevedra é a que experimenta unha maior suba poboacional, que chega ao 1.464% no caso da diferencia entre as persoas chegadas desde o estranxeiro e as que saíron, e que incrementaron en 3.309 o número de habitantes pontevedreses. A variación interanual do saldo migratorio co resto de España, pola súa banda, é do 475%, o que se traduce en 230 persoas máis.
Tras Pontevedra, é Ourense a provincia que máis medra en termos de saldo migratorio co exterior (co 61,72%), seguida da Coruña (co 40,34) e Lugo (38,65%). Co respecto ao balance co resto de España, Lugo ocupa o segundo lugar (cun crecemento do 313,11%), seguida da Coruña (co 50,94%) e Ourense (48,48%).

Menos emigrantes no exterior e máis retorno

Estas cifras compleméntanse coas relacionadas coa emigración galega no resto do mundo, que arroxan un panorama que rebaixa cada ano a porcentaxe de galegos que residen no exterior que foron nados en Galicia e emigraron máis tarde por diferentes razóns. A cantidade de emigrantes que aínda residen no estranxeiro pasou, deste xeito, nun ano de supor o 29.7% do total de galegos que viven fóra das nosas fronteiras a constituír o 29% (é dicir, 15.579 galegos), porcentaxe que vén diminuíndo incesantemente desde 2011, segundo reflicten as estatísticas oficiais publicadas o pasado mes de marzo.

O retorno de emigrantes trouxo de volta a Galicia a 6.202 galegos en 2017, cuxos principais países de procedencia son Venezuela, Suíza, O Reino Unido e os Estados Unidos, segundo se desprende das últimas cifras oficiais feitas públicas polo INE. Os datos provisionais correspondentes ao primeiro semestre de 2018 apuntan, pola súa banda, a un incremento de cara os datos definitivos do ano pasado.

R., 2019-06-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES