Noticias

A Rede CeMIT conmemora o Día Mundial de Internet cunha programación especial durante a segunda quincena de maio

Un ano máis, a Rede CeMIT celebra o Día Mundial de Internet, que terá lugar o vindeiro 17 de maio, cunha programación especial de actividades durante a segunda quincena de maio, que se suma ás iniciativas que diariamente se realizan desde a Rede CeMIT na que se ofrecerán máis de 240 actividades e 2.000 horas de formación. As actividades programadas desde a Rede CeMIT con motivo deste día teñen como finalidade sensibilizar á sociedade galega sobre as posibilidades do uso da internet e así como da redución da fenda dixital e do fomento do uso seguro e responsable. A Rede CeMIT está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital.

Grazas á colaboración dos aliados dixitais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 e á labor dos responsables das aulas CeMIT, entre o 15 e o 31 de maio, xunto coa programación habitual, ofrecerase un catálogo de actividades orientadas a nenas e nenos e adultos achegándolles ao eido da robótica, á seguridade en internet e ao uso de diferentes servizos dixitais.

Actividades programadas

Ao longo da segunda quincena do mes de maio están previstos a celebración de dous talleres de robótica educativa que serán impartidos polo aliado dixital Altia e que terán lugar nas aulas CeMIT de Padrón e Ames.

A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG), tamén en calidade de aliado dixital, realizará dúas charlas sobre fake news e a seguridade na rede na aula CeMIT de Lugo e na aula CeMIT de Redondela, desde onde se retransmitirá por videoconferencia a outras aulas CeMIT.

Desde a aula CeMIT de Abengondo, o aliado dixital Serbelt Consultores, realizará un taller dirixido a particulares e autónomos sobre facturación con solución de código aberto.

Adicionalmente, de forma online, póñense a disposición dos cidadáns unha gran variedade de cursos a través da Plataforma de teleformación EMA (Espazo Multimedia de Aprendizaxe).

O único requisito para poder asistir a todas estas actividades gratuítas e programadas nas aulas CeMIT é solicitar praza na localidade de interese, ben directamente na aula CeMIT de cada concello ou a través da web http://cemit.xunta.gal.

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital. A rede é un dos instrumentos principais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia para ofrecer á cidadanía recursos de capacitación dixital en función do seu nivel de coñecemento.

Aliad@s Dixitais

O Plan de Inclusión Dixital é a estratexia autonómica para facilitar a calquera persoa, independentemente do nivel dixital no que se atope, avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC.

Esta estratexia estase a desenvolver grazas á cooperación, e implicación dos axentes do ecosistema dixital. Actualmente o Plan de Inclusión Dixital conta con máis de 800 aliados dixitais.

R., 2019-05-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES