Noticias

O Gaiás recibe a centos de familias para gozar dunha tarde de circo e espectáculos na ‘Cidade Imaxinaria’

A Cidade da Cultura de Galicia volveu converterse esta nun mundo onde mandaron a imaxinación e a fantasía. Foi grazas á Cidade Imaxinaria, un evento lúdico e familiar que se celebra todos os veráns desde hai nove edicións e que, desde o ano pasado, incorpora unha segunda cita en abril para encher de diversión a primavera compostelá. Ademais de festexar a chegada do bo tempo, con este evento o Gaiás quixo conmemorar tamén o Día Internacional do Circo -celebrado a pasada semana- cunha programación chea de acróbatas, malabaristas, trapecistas, clowns e saltimbanquis que conquistaron todos os recunchos do complexo.

Cidade Imaxinaria Primavera ofreceulles ás persoas asistentes unha tarde de sábado familiar, ao aire libre e de balde, na que durante catro horas ininterrompidas os xogos de enxeño, instalacións e espectáculos itinerantes compartiron espazo e programación con acróbatas, equilibristas, funcións de teatro e clown, e outros contidos de temática circense que conquistaron a cativada.

Entre as 16,00 e as 20,00 horas os espectáculos sucedéronse en diferentes puntos dos exteriores da Cidade da Cultura. Así, tanto a Praza Central como o anfiteatro ao aire libre do novo Xardín do Teatro -aberto ao público desde a pasada Semana Santa- acolleron funcións de novo circo, malabares e espectaculares coreografías con acrobacias aéreas para conter o alento. Actuacións itinerantes cheas de cor, como a dos Coruscantes -seres de fantasía que se desprazaron polo complexo acompañando as familias- fixeron as delicias dos máis pequenos e pequenas.

Escola de saltimbanquis e un gran labirinto de cor

Nunha cita que chegaba só uns días despois da celebración do Día Internacional de Circo, non faltou tampouco a xa tradicional escola de saltimbanquis da Cidade Imaxinaria, que incluíu catro espazos onde a cativada puido deixar saír sen medo o intrépido acróbata que todo neno leva dentro: zona de malabares, zona acrobática, zona de aéreos e zona de equilibrios.

Os exteriores do Gaiás acolleron tamén vistosas e divertidas instalacións que incluían xogos de enxeño creados a partir de materiais de refugallo ou un labirinto de paredes de cor, repleto de encrucilladas e corredores con adiviñas visuais e probas de habilidade. Un espazo sensorial para bebés de 0 a 3 anos e unha zona de relax a modo de taberna de fantasía con esculturas de cores rechamantes e formas imposibles completou a oferta de ocio familiar desta Cidade Imaxinaria Primavera, na que non faltaron tampouco os postos de bebida e petiscos doces e salgados cos que repor enerxías.

Para facilitar que as familias se achegasen a esta xornada festeira contouse con reforzo no servizo de autobuses, que se sumou ás habituais Liñas 9 e 11 que conectan o Gaiás co centro de Compostela.

Nova cita o 24 de agosto

Cidade Imaxinaria volverá ao Gaiás o vindeiro sábado 24 de agosto na súa tradicional cita de verán, novamente cunha tarde chea de cor, diversión e espectáculos abraiantes para toda a cativada con entrada libre e de balde.

R., 2019-04-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (a-serie-clopen.jpg) A reposición dálle continuidade á aposta do Centro Dramático Galego por recuperar títulos do seu repertorio que manteñen a demanda do público máis alá da súa primeira exhibición. No caso de 'A serie clopen', as 33 funcións ofrecidas no Salón Teatro durante a súa estrea en 2025 reuniron arredor de 5.500 espectadores, antes de iniciar unha serie de representacións por outros espazos de Galicia e de Portugal. O regreso aos escenarios prodúcese despois do recoñecemento acadado pola produción nos Premios de Teatro María Casares, pois obtivo dous galardóns: Natalia “Pajarito”, como mellor actriz protagonista, e Marta Alonso Tejada, pola dirección de movemento.
Foto de la tercera plana (golpes-bajos.jpg) O sábado 12 de setembro chegará un dos pratos fortes do ciclo: A Movida Viguesa e a Homenaxe a Golpes Bajos. Esta histórica xornada supón o regreso aos escenarios de artistas fundamentais para comprender a historia musical de Vigo e de Galicia. Bandas e músicos que naceron na cidade e que, desde aquí, conquistaron o panorama nacional e mesmo internacional. Reunir nun mesmo escenario a Golpes Bajos, Semen Up, Miguel Costas de Siniestro Total, Killer Barbies e Stoned at Pompei é moito máis que un concerto: é unha homenaxe a unha xeración irrepetible e a unha cidade que marcou unha época dentro da música española.

Notas

O proxecto Sensoxenoma chega xa ao seu quinto aniversario. Esta iniciativa dos grupos GenPoB e GenVip da USC e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) reuniu en todo este tempo máis de 5.000 participantes, más de 1.500 doantes e recolleu máis de 20.000 mostras biolóxicas para constatar que a música deixa pegadas medibles nos nosos xenes e proteínas.
O grupo de investigación Post-Growth Innovation Lab é un dos socios do proxecto europeo Spark4B+, que reúne 17 institucións e entidades de nove países co obxectivo de desenvolver ferramentas que permitan 'construír futuros xustos e positivos para a biodiversidade'. A clave da novidade do proxecto é a idea de explorar iniciativas alternativas impulsadas pola comunidade, para protexer e restaurar a biodiversidade, nunha variedade de contextos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES