Noticias

Galicia estrea o seu primeiro centro de investigación en Tecnoloxías Intelixentes, un dos tres únicos da especialidade de toda España

O ata agora Centro singular de investigación en Tecnoloxías da Información da Universidade de Santiago de Compostela (CiTIUS), acaba de presentar a súa nova identidade como Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes, converténdose deste xeito no único neste ámbito existente en Galicia e un dos tres que existen unicamente a nivel nacional. No acto de presentación celebrado no propio centro participaron o reitor Antonio López, a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e o novo director científico do centro, o catedrático Senén Barro Ameneiro.

O novo rumbo adoptado por este centro singular “é a confirmación dun éxito, unha iniciativa xurdida en 2010 que hoxe é un brillante realidade que redefine os seus obxectivos”, afirmou o reitor Antonio López. Pola súa banda, a conselleira fixo fincapé na importancia do capital humano da investigación universitaria galega, “o voso talento, de científicos do máis alto nivel, é o que que fai que os centros nos que traballades sexan os máis excelentes do Sistema Universitario Galego”. Ademais do cambio da denominación e da definición de novos obxectivos investigadores, esta etapa orientada ás tecnoloxías intelixentes leva parella unha reorganización xa que o profesor Senén Barro será o director científico e o profesor Paulo Félix Lamas director adxunto.

Unha transformación estratéxica

Como novo Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes, o CiTIUS consolida así a súa aposta científica nun ámbito crucial, o das tecnoloxías intelixentes. Estas tecnoloxías, entre as que se atopan a aprendizaxe automática, as tecnoloxías da linguaxe, a robótica ou a visión artificial, teñen na actualidade un enorme e crecente impacto socioeconómico, que está transformando sectores tan importantes como a industria 4.0, ou a enerxía e o medio ambiente, a saúde e o benestar, a intelixencia de negocio ou os sectores financeiro e de seguros, entre outros.

O catedrático Senén Barro apuntou, segundo datos da consultora McKinsey, que “estamos a falar do maior impacto transformador ata o momento, capaz de achegar 13 billóns de dólares ao PIB mundial en 2030, cun incremento medio anual do 1,2% na produtividade”. Neste mesma liña tamén aludiu á consultora Boston Consulting Group, quen considera que a Intelixencia Artificial, e en particular a aprendizaxe automática, é “a gran forza motriz da industria dixital. Nunha macroenquisa realizada recentemente por esta compañía, máis do 90% das empresas consultadas afirmaron que están a dirixir as súas inversións de maneira maioritaria á cara a este dito ámbito”.

Precisamente, unha das fortalezas do CiTIUS é a transferencia da súa investigación á sociedade e ao tecido empresarial. Así o acreditan resultados como as dúas spin-offs creadas nos últimos catro anos, as empresas Situm e Imagames, que contan xa con preto de medio cento de empregados e presenza en 40 países, ou os contratos de I+D con empresas globais como Indra, IBM, Johnson & Johnson e Babcock, e un bo número de empresas da contorna, como Finsa ou Mestrelab Research.

R., 2019-04-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES