
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), Daniel González, presentaron hoxe no Pazo de San Roque o informe anual de acción exterior de Galicia Nós no mundo. A lusofonía en Galicia e mais o Informe anual do IGADI 2018-2019. En rumbo de colisión.
Valentín García, que asina xunto con Jesús Gamallo o artigo A lusofonía na estratexia galega de acción exterior incluído no informe Nós no mundo, comezou por felicitar o IGADI polo décimo aniversario desta relevante publicación para, a continuación, resaltar que Galicia goza dunha avantaxe competitiva que cómpre aproveitar: a lingua galega, que serve de ponte entre o mundo da lusofonía e o da hispanidade.
Nós no mundo é un informe de periodicidade anual impulsado polo IGADI e centrado na acción exterior galega. Na súa edición de 2019, cando se cumpre o décimo aniversario da publicación, pon o foco na relevancia da lusofonía na acción exterior de Galicia, no marco do quinto aniversario da Lei Paz Andrade e do primeiro ano de funcionamento da Estratexia Galega de Acción Exterior, documento estratéxico panorámico da paradiplomacia galega.
Para facer esta análise, contou con plumas provenientes de institucións de natureza plural, tales como a Xunta de Galicia, o Instituto Camões, o Consello da Cultura Galega, a Confederación de Empresarios, o sindicato CIG ou a Academia Galega da Lingua Portuguesa, entre outras.
Chaves da política internacional
Baixo o título En rumbo de colisión, e por duodécimo ano consecutivo, o Informe anual do IGADI achega as principais chaves da política internacional do pasado ano, 2018 e as perspectivas para o 2019. Baixo a dirección de Daniel González Palau, director do IGADI, e de Xulio Ríos, o seu presidente de honra, e coa coordinación editorial de Roberto Mansilla Blanco, esta edición, na que participa a Consellería de Cultura e Turismo, conta como novidade coa firma convidada do analista e ex embaixador venezolano Alfredo Toro Hardy.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.