
Desta volta o proxecto é a programación e construción dunha cidade: un coche con plastilina condutiva (con luz propia), un semáforo programado ou unha barreira de acceso son algunhas das cousas que os pequenos poderán artellar neste obradoiro de dúas horas de duración e para un máximo de 30 persoas. A través dunha experiencia divertida, os cativos son quen de coller máis seguridade en si mesmos e de lle dar saída ao seu talento.
Aí están, ademais, os valores do emprendemento e o miolo dos chamados conceptos STEAM: ciencia, tecnoloxía, enxeñaría, arte e matemáticas. A idea é que os pequenos pasen de ser meros consumidores pasivos de tecnoloxía a botar man dela creando e aprendendo. Para acadar estes obxectivos, crea R conta coa bagaxe do método educativo de Líbolis, Pequenos Emprendedores, a única escola de emprendemento na nosa comunidade.
Educando nun bo uso das novas tecnoloxías
E mentres os máis pequenos traballan no obradoiro de robótica nun prototipo de cidade, os maiores escoitarán na mesma zona do recinto de Expourense os consellos dun pedagogo especializado para resolver dúbidas sobre a educación dos que si naceron na era dixital; e sobre o bo uso que adolescentes e millennials poden facer da internet e das redes sociais. A través de casos prácticos e dinámicas, pais, titores, avós ou educadores atoparán respostas a inquedanzas como, por exemplo, a que idade deben ter móbil os rapaces ou que límite de horas se lle debe poñer ao uso das pantallas. Tamén se falará da nova terminoloxía neste eido (cyberbulling, sexting, grooming...) e de como nos afecta a todos o cambio dixital.
Pilotando as sesións, pensadas para un máximo de 40 persoas, os expertos de Sherpa Digital, que intentarán botarlle luz a todas esas dúbidas dos adultos sobre a contorna dixital e a xente nova.
Periplo galego para o público xeral
Tras o éxito de edicións anteriores crea R reactivouse hai semanas en Carballo, Vilanova de Arousa e na ICC Week ourensá; e tras recalar de novo en Ourense, na Technium R Encounter, visitará ata final de ano outras localidades galegas coma Ferrol, Nigrán, A Coruña, Pontevedra, Cangas, Betanzos e Lugo.
Ambas as dúas accións, obradoiros e charlas, están abertos ao público xeral, tanto a clientes coma a non clientes do operador galego. Tan só cómpre apuntarse e cubrir o formulario dispoñible no blog de R (www.blog.mundo-r.com). Darase un máximo de dúas entradas por solicitante, por orde de inscrición e ata cubrir os aforos dispoñibles.
...e a carreira espacial, á man da rapazada
E para diversificar esta oferta lúdica da extranet da Technium R Encounter chega á lan party o proxecto Hana Hamsternauta, patrocinado por R e coa idea de poñer a carreira espacial ao alcance de nenos (e seica non tan nenos).
A proposta de Hana vai especialmente dirixida aos centros de educación, para que participen no reto de lanzar un dummy ao espazo coa axuda dunha sonda e dun globo meteorolóxico, conseguir as mellores métricas e recuperalo posteriormente con vida. Un proxecto, en suma, colaborativo, dixital e interxeracional ao que poden achegarse os visitantes da Technium en vindeiros días.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.