Noticias

As vítimas de violencia de xénero e explotación sexual poderán optar a novas axudas para acceder a unha vivenda

O IGVS acaba de crear unha liña específica de axudas ao alugamento de vivendas para persoas que sufran violencia de xénero, fillos de vítimas mortais que sexan menores de 30 anos e dependentes economicamente, e vítimas de trata con fins de explotación sexual. A nova liña de subvencións está incluída dentro do Bono de Alugueiro Social, un programa que xa contemplaba ás vítimas de violencia de xénero como un dos colectivos aos que ía dirixido. Como novidade, créase unha liña específica e con financiamento propio destinada a axudar a este colectivo a acceder ao aluguer dunha vivenda e ademais amplíanse os supostos previstos con anterioridade.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), acaba de crear unha liña específica de axudas ao alugamento de vivendas para persoas que sufran violencia de xénero, fillos de vítimas mortais que sexan menores de 30 anos e dependentes economicamente, e vítimas de trata con fins de explotación sexual. Con este obxectivo, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, cuxa convocatoria para este ano está prevista para as próximas semanas e que contarán cunha dotación económica de 1,65 millóns de euros.

A nova liña de subvencións está incluída dentro do Bono de Alugueiro Social, un programa que xa contemplaba ás vítimas de violencia de xénero como un dos colectivos aos que ía dirixido. Como novidade, a través da orde publicada hoxe e no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, a Xunta crea unha liña específica e con financiamento propio destinada a axudar a este colectivo a acceder ao aluguer dunha vivenda e ademais amplíanse os supostos previstos con anterioridade.

Así, inclúense como posibles beneficiarios os fillos e fillas menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, calquera que sexa a natureza da súa filiación, que se atopasen nunha situación de dependencia económica da nai ou do agresor no momento do falecemento da vítima.

Do mesmo xeito, outro dos obxectivos desta liña específica do Bono de Alugueiro Social é atender con carácter urxente ás mulleres vítimas de violencia de xénero nunha relación de convivencia e de dependencia económica co seu agresor ou, no caso de mulleres que sufran situacións de trata con fins de explotación sexual, de dependencia da persoa que manteña sobre ela unha relación de dominación. Terán tamén esa consideración as mulleres que padeceran violencia vicaria ou violencia per interpósita persona -isto é, aquelas mulleres que sufran o asasinato dos seus fillos/as a mans do maltratador-.

A axuda prevista será de 225, 200 ou 175 euros ao mes, dependendo do concello onde se emprace a vivenda e que equivalerá ao 50% do importe máximo que pode acadar o prezo do alugueiro en cada zona. Así, a renda máxima dos inmobles alugados será de 450 euros, no caso de que estean localizados nalgunha das sete grandes cidades, de 400 en concellos cualificados de carácter urbano e de 350 euros nos de tipo rural, figurando nas propias bases das axudas o listado de concellos cos seus respectivos importes máximos.

Duración do bono e condicións

O bono concederase por un período de 12 meses, prorrogable cada ano ata un máximo de 36 meses. Ademais, o programa prevé a posibilidade de solicitar unha axuda complementaria única de ata 600 euros para o suposto da inmediata formalización dun contrato de alugamento, destinados a atender as obrigas derivadas da constitución de fianza e da alta en subministracións.

Poderase presentar a solicitude do Bono de Alugueiro Social para vítimas de violencia de xénero unha vez se publique, nas próximas semanas, a convocatoria correspondente ao ano 2019. Para o resto de colectivos susceptibles de solicitar estas axudas o prazo de presentación de solicitudes está aberto dende o pasado 11 de xaneiro.

R., 2019-04-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (coralinda-elefante-elegante.jpg) Coralinda é unha comedia xestual dirixida a público familiar e infantil. A través dunha linguaxe xestual fundamentada na manipulación de obxectos e na interacción constante co dispositivo escénico, a obra constrúe un universo cómico e poético que transita do realismo á hipérbole da vida cotiá. Unha proposta escénica ao estilo dos debuxos animados que aborda a temática da inmigración e do medio ambiente desde o humor, a poesía visual e a emoción. A obra convida a reflexionar sobre as experiencias das persoas que viaxan lonxe da súa terra.
Foto de la tercera plana (festival.jpg) Foi presentadoo o novo festival Sons de Vigo que se celebrará do 27 de marzo ao 4 de abril no Ifevi. Este evento aposta tanto por grandes nomes do panorama nacional como por artistas locais da escena galega. A presentación, celebrada no Paseo das Avenidas, xunto ao monumento a Julio Verne como un dos símbolos de Vigo, contou coa actuación de Castle e Milutxo, músicos locais que ofreceron varios dos seus temas. Sons de Galicia forma parte da programación dos Concertos do Xacobeo organizados pola Xunta de Galicia, unha iniciativa que impulsa a celebración de grandes citas musicais en Galicia. O ciclo comezará o 27 de marzo con Lingua Urbana, un dos cinco eventos musicais que acollerá o Ifevi dentro desta programación.

Notas

Os 'Encontros de Lúa Chea', un programa de debate sobre cuestións de actualidade organizado polo colectivo universitario Proxéctate en Galego e incluído dentro da programación da Primavera Cultural, ofrece o xoves 26 de marzo, ás 19.00 horas, na cafetaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, o faladoiro ‘Medios de comunicación: información ou desinformación na era das fake news'.
A Área de Normalización Lingüística da UVigo, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, organiza entre os meses de marzo de abril a 3ª edición do ciclo A lingua galega no cinema, que inclúe a proxección dunha decena de pezas audiovisuais entre documentais, curtas, animación e longametraxes. O ciclo arrancará o luns 23 coa proxección, do documental 'Ramón Otero Pedrayo, dereito á paisaxe', dirixido pola catedrática da UVigo María José Bravo Bosch.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES