Noticias

As mulleres representan preto do 34% dos traballadores do Hipersector TIC galego

No ano 2018 a porcentaxe de mulleres traballadoras no Hipersector TIC, que integra os sectores tecnolóxico e de contidos, é do 33,9%, o que representa un total de 7.891 mulleres. O sector contidos é o ámbito no que as mulleres contan cunha maior representación, acadando o 41,9%, mentres que no sector TIC a porcentaxe é do 31,6%. En termos evolutivos, no ano 2018, produciuse un crecemento significativo do emprego das mulleres no Hipersector TIC. As afiliacións á Seguridade Social no Hipersector TIC incrementáronse no 2018 en 1.335 persoas (6,1%). Delas, 354 eran mulleres, o que supón un incremento do 4,7%.

Ese incremento de traballadoras produciuse principalmente no sector TIC, con 326 novos empregos femininos (aumento do 6%), mentres que, no sector Contidos, a cifra mantívose moi similar á do ano 2017 (28 mulleres máis, un 1,3% máis que o ano anterior).

O incremento no emprego procede, principalmente, dun maior volume de traballadores do Réxime Xeral, cun aumento do 6,8% mentres que no Réxime Especial de Autónomos o incremento foi do 2,5%.

Estas son algunhas das conclusións recollidas nunha nova edición do estudo temático “As mulleres e as TIC”, publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

A fenda de xénero no sector contidos é máis reducida que no sector TIC

No caso concreto do Sector TIC, o número de mulleres afiliadas á Seguridade Social aumenta o seu número absoluto, acadando no ano 2018 as 5.734 traballadoras cun incremento dun 6% respecto ao ano 2017. Non obstante, a fenda de xénero continúa nunha liña de crecemento porque o ritmo de aumento do emprego masculino é superior (8,5%).

O subsector das telecomunicacións é o que conta cunha maior porcentaxe de mulleres, acadando o 38,5% de traballadoras femininas. Por riba do 30% de persoal feminino tamén se sitúa nas empresas dedicadas ás Actividades Informáticas.

O sector contidos, un ano máis, é o que rexistra un maior equilibrio entre homes e mulleres, aínda que a balanza continúa a favor do xénero masculino. A porcentaxe de mulleres neste sector sitúase no 41,9% e da emprego a 2.157 mulleres. A fenda de xénero no sector contidos supera os 16 puntos porcentuais. Non obstante, no 2018 reduciuse a fenda de xénero, en 0,4 puntos porcentuais.

Tanto no sector TIC como no sector contidos, a fenda de xénero é superior no ámbito dos emprendedores que no caso do réxime xeral.

A formación académica e os roles das mulleres nas empresas TIC galegas

Mentres que o 26,7% dos traballadores do sector TIC son homes que contan cunha titulación TIC, só o 7,2% dos traballadores son mulleres que dispoñen da mesma formación académica. Tamén cabe salientar a significativa fenda existente nos ciclos formativos superiores TIC: 18,4% de homes fronte a tan só un 3,9% de mulleres.

A presenza de mulleres nas distintas áreas funcionais das compañías do sector tecnolóxico galego non é homoxénea. Así, só o 9,7% das mulleres desenvolve funcións TIC, fronte ao 40,9% dos homes, cunha fenda de mais de 31 puntos. No caso das tarefas non TIC as mulleres están preto de acadar unha situación de equilibrio En relación ao persoal non dedicado a tarefas TIC, a porcentaxe de mulleres (16,9%) é 4,3 puntos inferior á dos homes (21,2%)

O 15,2% das empresas TIC galegas contan con mulleres en postos de dirección, unha porcentaxe só testemuñal nun tipo de posto onde predomina os homes. Esta situación aínda se acentúa máis cando se analiza o persoal adicado a I+D+i: Un 87,7% dos traballadores dedicados a I+D+i son homes fronte ao 12,3% de mulleres.

Plan Digitalent

En 2018 a Amtega en colaboración con diferentes axentes do sector puxo en marcha o Plan Digitalent, un plan integral para o fomento da vocacións STEM, e a especialización dos profesionais TIC que combina distintas medidas pensadas para cubrir para todo o ciclo vital da persoa, e con actuacións específicas para paliar a fenda de xénero nas profesións tecnolóxicas.

R., 2019-04-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES