
Despois do anuncio, o venres pasado, dos dezaseis proxectos preseleccionados na primeira edición da aceleradora BFAero, especializada no sector aeroespacial e impulsada pola Xunta, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, os seus promotores tiveron que defender as súas candidaturas, primeiro nunha entrevista persoal que mantiveron onte co equipo promotor e esta mañá a través de breves presentacións ante o comité executivo no marco do Pitch Day.
Tras a deliberación do comité executivo celebrada esta mañá, a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain) e presidenta deste comité, Patricia Argerey, comunicou os proxectos seleccionados e entregoulles os diplomas acreditativos. Das seis iniciativas, o 50% proceden de Galicia, mentres que as tres restantes teñen a súa orixe en Madrid e a Comunidade Valenciana.
Patricia Argerey destacou a gran concorrencia de proxectos -recibíronse un total de 54 solicitudes- e a alta calidade dos mesmos e animou ás iniciativas que non resultaron seleccionadas hoxe a madurar as súas ideas e intentalo en vindeiras edicións desta aceleradora, que ten previsto dúas convocatorias máis ata acoller 19 proxectos en total.
Ademais, Argerey lembrou que o obxectivo desta aceleradora é crear e acelerar compañías innovadoras na cadea de valor do sector aeroespacial en Galicia capaces de captar, atraer e reter talento en Galicia e subliñou que, precisamente, o talento é un factor clave para posicionar Galicia como un referente a nivel internacional en innovación no sector aeroespacial. A directora de Gain felicitou aos seleccionados, animounos a aproveitar as oportunidades que lles ofrece este programa de aceleración e incubación e agradeceu ás entidades e empresas colaboradoras a súa implicación nesta iniciativa (as empresas Indra e Babcock, o centro tecnolóxico da automoción CTAG, a Fundación CEL, diferentes colaboradores representados polo Consorcio Aeronáutico Galego e os organismos dependentes da Xunta de Galicia, Igape, Gain e XesGalicia).
Beneficios da participación neste programa
A partir de agora, estos proxectos comezarán en maio os programas de incubación e aceleración, nos que terán acceso, ademais de financiamento, a espazos de traballo compartidos, plans de formación adaptados ás súas necesidades, acompañamento de mentores escollidos entre profesionais do sector aeronáutico e dos vehículos non tripulados, oficinas individuais equipadas, aulas de formación e servizos de asesoramento técnico que pon á súa disposición a Fundación CEL, posibilidade de uso das instalacións do aeródromo de Rozas, onde os elixidos poderán utilizar os drons de Indra e Babcock (Targus e LUA) e outros equipamentos especializados do ámbito da Civil UAVs Initiative.
En canto ao apoio económico, a Xunta de Galicia ofrece un financiamento a fondo perdido de ata 100.000 euros na fase de incubación e de 50.000 en aceleración. Paralelamente, poderán optar a un financiamento en forma de préstamos de Indraventures de entre 50.000 e 500.000 euros en incubación e sen límite en aceleración. Tamén en aceleración terán acceso a
préstamos participativos de ata 250.000 euros de XesGalicia.
A Aceleradora Business Factory Aero
A aceleradora Business Factory Aero enmárcase na Civil UAVs Initiative, a iniciativa para converter a nosa Comunidade nun polo tecnolóxico e industrial arredor dos vehículos non tripulados, de referencia internacional. En concreto, o seu obxectivo é atraer talento e coñecemento cara Galicia e fomentar o emprendemento neste ámbito, en liña coa plataforma StartIN Galicia.
A aceleradora está promovida pola Xunta de Galicia, a través do Igape, Axencia Galega de Innovación (Gain) e XesGalicia, polas empresas Indra e Babcock e o centro tecnolóxico da automoción CTAG, xestionada pola Fundación CEL e apoiada por diferentes entidades colaboradoras representadas polo Consorcio Aeronáutico Galego.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.