Noticias

A demora media das consultas de atención primaria en Galicia é de 2,79 días, a metade que a media nacional

A demora media das consultas de atención primaria en Galicia é de 2,79 días, mentres que a media de España sitúase en 4,77 días. Así se desprende dos datos correspondentes a 2018 do Barómetro sanitario, publicados polo Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social. Ademais, as persoas que acudiron a un centro de atención primaria do Sergas manifestan, nun 88,1% dos casos, unha valoración moi positiva (boa o moi boa) na atención recibida. A cidadanía galega valora a atención primaria da nosa comunidade con 7,47 puntos sobre 10 (7,31 no Sistema Nacional de Saúde), sendo especialmente apreciados a confianza e a seguridade que transmite o persoal médico (7,70) e enfermería (7,57).


No que se refire á satisfacción xeral co sistema sanitario público, a media de Galicia é de 6,43 sobre 10; e o 70,2% considera que o sistema sanitario funciona ben ou bastante ben (a media do SNS é do 68,3%).

Os datos do Barómetro tamén reflicten que a poboación de Galicia dalle un 7,60 sobre 10 aos coidados e a atención recibida polos médicos de atención primaria, e un 7,61 ao persoal de enfermería deste nivel asistencial. Tamén destaca a alta valoración que recibe o tempo que o médico de primaria lle dedica a cada enfermo, que acada unha puntuación de 7,32 sobre 10 (7,23 na media do conxunto do SNS). Un 7,49% valora o coñecemento do historial e o seguimento dos problemas de saúde de cada usuario. Mentres que as Urxencias dos centros de saúde de atención primaria reciben unha valoración de 6,61.

O 67% dos pacientes galegos que pediron unha cita en atención primaria afirman que foron atendidos o mesmo día ou no día seguinte, fronte ao 47% da media nacional.

Alta valoración tamén en atención hospitalaria

Os ingresos e a asistencia sanitaria en hospitais públicos do Sergas son valorados cunha puntuación de 6,95 sobre 10 (similar a da media nacional), destacando aspectos como os coidados e atención do persoal médico 7,96 (lixeiramente superior a da media nacional), do persoal de enfermería, que recibe 8 puntos sobre 10 (a media do SNS sitúase en 7,89) e o equipamento e medios tecnolóxicos. A valoración sobre a información recibida neste nivel asistencial tamén sube ata 7,59 puntos sobre 10.

Tamén é moi ben valorada pola poboación enquisada a información recibida sobre a evolución do problema de saúde por parte do persoal dos hospitais e un 23,20% considera que a hospitalización mellorou.

No que atinxe a atención recibida nas consultas do especialista da sanidade pública, o 82,10% considera que foi boa ou moi boa e un 6,89 sobre 10 valoran como moi positivo o tempo dedicado polo médico especialista.

Remarcar que preto do 89% dos pacientes de Galicia manifestan ter recibido unha boa o moi boa atención en hospitalización, segundo se desprende dos datos do Barómetro.

É destacable tamén, a boa valoración que a cidadanía galega lle da ao funcionamento das Urxencias do 061, que acadan 7,49 puntos sobre 10 (7,28 na media nacional). Polo que respecta ás Urxencias hospitalarias, a valoración é de 6,03 puntos e o 16,70% considera que estas melloraron.

Máis do 75% elixiría un centro público de atención primaria

Os datos do Barómetro tamén constatan que se a cidadanía galega enquisada puidese elixir entre un servizo sanitario público ou privado, na súa maioría optarían por centros públicos para seren atendidos nas distintas modalidades asistenciais, e o fan con porcentaxes significativamente superiores á media estatal do Sistema Nacional de Saúde. Así, o 75,2% elixirían un centro público de atención primaria, fronte a un 68,2% da media do SNS. No caso das consultas de especialista elixirían un centro público o 59,5% (a media do Estado e do 56%).

Polo que respecta aos ingresos hospitalarios, o 78,4% da cidadanía galega acudiría a un hospital público, fronte o 67% da media do SNS. No caso das urxencias, estas porcentaxes son do 76,1% en Galicia e do 64,4% no total nacional.

R., 2019-04-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (a-serie-clopen.jpg) A reposición dálle continuidade á aposta do Centro Dramático Galego por recuperar títulos do seu repertorio que manteñen a demanda do público máis alá da súa primeira exhibición. No caso de 'A serie clopen', as 33 funcións ofrecidas no Salón Teatro durante a súa estrea en 2025 reuniron arredor de 5.500 espectadores, antes de iniciar unha serie de representacións por outros espazos de Galicia e de Portugal. O regreso aos escenarios prodúcese despois do recoñecemento acadado pola produción nos Premios de Teatro María Casares, pois obtivo dous galardóns: Natalia “Pajarito”, como mellor actriz protagonista, e Marta Alonso Tejada, pola dirección de movemento.
Foto de la tercera plana (golpes-bajos.jpg) O sábado 12 de setembro chegará un dos pratos fortes do ciclo: A Movida Viguesa e a Homenaxe a Golpes Bajos. Esta histórica xornada supón o regreso aos escenarios de artistas fundamentais para comprender a historia musical de Vigo e de Galicia. Bandas e músicos que naceron na cidade e que, desde aquí, conquistaron o panorama nacional e mesmo internacional. Reunir nun mesmo escenario a Golpes Bajos, Semen Up, Miguel Costas de Siniestro Total, Killer Barbies e Stoned at Pompei é moito máis que un concerto: é unha homenaxe a unha xeración irrepetible e a unha cidade que marcou unha época dentro da música española.

Notas

A Universidade da Coruña acollerá o vindeiro 22 de outubro a IV Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación Docente (XIGAID), un encontro que reunirá na Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC (ETSAC) profesorado das tres universidades públicas galegas para compartir experiencias, boas prácticas e propostas ante os novos retos da docencia universitaria.
A maior presenza de proxectos tecnolóxicos ou xurdidos da investigación universitaria entre as iniciativas de emprendemento seleccionadas é un dos aspectos destacados dá XIII Pont-Up Store. Promovido pola UVigo e organizado pola Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, este encontro do emprendemento permite a 48 novas iniciativas empresariais dar a coñecer os seus produtos e servizos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES