
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que a nova edición do Galicia Emprende contará cunha achega de 9 millóns de euros, un 28% máis que na pasada edición, para apoiar 200 proxectos de autónomos e emprendedores, que mobilizarán investimentos por valor de 24 millóns de euros e cunha previsión de creación ou mantemento de 700 postos de traballo.
Feijóo destacou que o Galicia Emprende ten como obxectivo favorecer a creación de novas empresas e consolidar proxectos que leven menos de 42 meses funcionando, que é cando máis se necesita. Así, salientou que o importe dos investimentos apoiados oscilará entre os 25.000 e os 500.000 euros, e fixo unha comparativa das dúas convocatorias do Galicia Emprende: este ano achéganse 9M en lugar dos 7M do ano pasado; chegarase a 200 proxectos, mentres que no 2018 foron 159; mobilizaranse 2M mentres que na anterior foron 16 M, e crearanse 700 postos de traballo, 313 máis que na primeira convocatoria.
O presidente da Xunta recordou que a Xunta de Galicia conta cunha serie de ferramentas para as pequenas empresas e para as empresas que acaban de constituírse que teñen unha idade de menos de 3 anos e medio ou que queiran constituír unha empresa nova: a plataforma StartIN Galicia, que ofrece un apoio integral a todos os proxectos que nadas das incubadoras, os préstamos directos da liña de Instrumentos Financeiros Innovadores (IFIs) e os préstamos participativos ou capital risco a través do Fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras.
Para concluír, Feijóo puxo como exemplo de éxito algúns dos proxectos de anteriores edicións do Galicia Emprende. Destacou o caso dun taller mecánico situado no polígono Industrial das Gándaras (Lugo), que investiu medio millón de euros mantendo 6 postos de traballo e creando outro; unha escola hípica en Gondomar, cun investimento de 361.000 e a creación de 10 empregos; unha adega de Ribadumia, cunha inversión de 270.000 e creación de 10 postos de traballo; un restaurante de cinco garfos de produto de mar fresco na Marina da cidade da Coruña, cun investimento de 400.000 e 7 empregos; ou un taller mecánico en Pontevedra promovido por dous emprendedores e que tivo un investimentos de 290.000 e creou dous postos de traballo.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.