
Neste cumio, que terá por obxectivo buscar sinerxías e solucións a retos comúns como a modernización, abordaranse temas de especial relevancia como a industria 4.0, os distintos sectores produtivos na Eurorrexión, os clústers transfronteirizos e a promoción conxunta de empresas da eurorrexión no mercado internacional.
A maiores de acordar a organización deste cumio, a reunión de hoxe co ministro portugués centrouse principalmente en abordar colaboracións en materia de turismo e Xacobeo, unha prioridade para o Goberno galego ante a proximidade do Ano Santo 2021.
Unha das principais cuestións abordadas durante o encontro foi avanzar na coordinación nas accións vinculadas co Camiño de Santiago de cara a celebración do Xacobeo de 2021. Este organismo servirá tamén para compartir con Portugal as directrices que se están lavando a cabo en todas as comunidades autónomas polas que pasa a Ruta Xacobea e para coordinar a sinalización dos itinerarios xacobeos no país luso.
Trátase dunha importante colaboración porque o Camiño Portugués é o segundo itinerario máis percorrido, escollido só no pasado ano por preto de 60.000 peregrinos. Ademais, despois da súa declaración como itinerario oficial, o Camiño Portugués da Costa chegou a quintuplicar o número de peregrinos que pasan por el nestes ano e só en 2018 o incremento foi de case o 89%.
Este avance prodúcese só unhas semanas despois de que o goberno de Portugal aprobase o decreto-lei do Camiño de Santiago para intentar regular as numerosas iniciativas de camiños xacobeos en Portugal establecendo os criterios para lograr a súa certificación e, por tanto, o seu recoñecemento oficial coa marca Caminho de Santiago certificado. Ábrese así unha nova etapa na xestión do Camiño de Santiago en Portugal e, paralelamente, refórzase un ámbito de colaboración entre Galicia e Portugal.
Programas de cooperación en materia cultural
A reunión cos mandatarios lusos tamén serviu para facer balance, analizar as novidades dos proxectos europeos postos en marcha de forma conxunta por Galicia e Portugal e sentar as bases das tres novas iniciativas que empezarán a funcionar este ano. Actualmente, a nosa comunidade conta con Portugal como socia dos proxectos: WHAOH! Route e Creative Loci iacobi.
A estes sumaranse as tres novas iniciativas que comezarán este ano ao amparo dos fondos do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP). Trátase de Fazendo Caminho, que busca consolidar as rutas do Camiño de Santiago na Eurorrexión e impulsar o aproveitamento sustentable como recurso patrimonial cultural e natural; EDIT, que se apoia na tecnoloxía para mellorar a xestión turística a ambos lados da fronteira galaico-portuguesa, e Minho Navegable que ten como obxectivo mellorar a navegabilidade na área transfronteriza.
Demografía e infraestruturas
No encontro tamén se trataron outros asuntos de especial importancia, como a loita contra o declive demográfico. Galicia considera que facer fronte ao envellecemento e dispersión da poboación nas zonas fronteirizas debe ser un dos principais eixos de cooperación bilateral co país veciño. Aposta por poñer en marcha, entre ambos países e co apoio europeo, medidas do ámbito social e rexeneración económica destas zonas.
Do mesmo xeito, tamén se avaliou o estado das infraestruturas, un factor capital para Galicia e Portugal a nivel de competitividade e cooperación. Deste xeito, abordáronse temas como a mellora das conexións ferroviarias entre Vigo e Porto e o Corredor Atlántico do Noroeste.
Ministro da Economía
Pedro Siza Vieira é o Ministro Adxunto e da Economía do Goberno portugués. Entre as súas competencias, está a promoción do turismo; a economía o comercio e consumo; a posta en valor do interior; a loita contra o declive demográfico e a dinamización das áreas fronteirizas.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.