Noticias

Galicia promove os seus recursos turísticos durante esta semana en Moscova na principal feira de Europa do Leste

Galicia promove os seus recursos turísticos na XXVI edición do certame turístico Moscow International Exhibition Travel & Tourism (MITT), que se celebra na capital de Rusia, Moscova. Durante estes días, a Comunidade presenta a súa oferta turística xeral do interior e da costa, o Camiño de Santiago así como algunhas das novas experiencias deste ano centradas no patrimonio e cultura galegas, de interese para este mercado. A MITT é o evento sectorial de turismo máis importante de Europa do Leste e está aberta tanto aos profesionais como ao público xeral. Galicia está presente cun módulo dentro do apartado destinado a España onde se difunde a oferta galega.

Galicia promove os seus recursos turísticos desde hoxe e ata o xoves na XXVI edición do certame turístico Moscow International Exhibition Travel & Tourism (MITT), que se celebra na capital de Rusia, Moscova. Durante estes días, a Comunidade presenta a súa oferta turística xeral do interior e da costa, o Camiño de Santiago así como algunhas das novas experiencias deste ano centradas no patrimonio e cultura galegas, de interese para este mercado.

A MITT é o evento sectorial de turismo máis importante de Europa do Leste e está aberta tanto aos profesionais como ao público xeral. Galicia está presente cun módulo dentro do apartado destinado a España onde se difunde a oferta galega tendo en conta que este é un mercado especialmente interesado pola natureza, a enogastronomía, o turismo de saúde e termal, as tradicións ou o Camiño de Santiago, entre outras.

Trátase dun certame no que Galicia vén participando nos últimos anos coa intención de consolidar a presenza da Comunidade en Rusia e tamén tendo moi en conta a faceta profesional desta feira, que facilita poder abrir novas canles de colaboración con empresarios de turismo rusos e outros mercados satélites. A presenza na MITT complétase coas diferentes viaxes de prospección realizadas en Galicia para operadores turísticos rusos ou misións de comercialización celebradas en Moscova e outras cidades rusas

Mercado emerxente

Rusia é un dos mercados emerxentes nos que Galicia traballa. Segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE), o ano pasado chegaron á Comunidade preto de 10.000 viaxeiros rusos que fixeron máis de 18.500 noites, sendo esta a segunda cifra máis elevada da década. O mercado ruso representa preto do 1% da demanda turística internacional de Galicia e sitúase no posto número 15 no ranking de principais mercados estranxeiros na nosa Comunidade.

No que se refire ao Camiño de Santiago, segundo os datos da Oficina do Peregrino, o ano pasado recolleron a Compostela un total de 1.905 peregrinos rusos, mentres que a cifra dez anos antes fora de 72.

R., 2019-03-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (incendios-xente.jpg) O Consello da Xunta analizou na súa reunión de hoxe un informe da Consellería do Medio Rural sobre o anteproxecto de Lei de loita contra os incendios forestais de Galicia (LLCIF), antes da súa remisión para consulta ao Consello Forestal de Galicia, cuxa reunión está prevista para mañá martes. A futura normativa prioriza reforzar a protección da poboación e a xestión integral do territorio. O presidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, lembrou que actual lexislación sobre incendios forestais 'ten case 20 anos' e 'cómpre actualizarla e adaptala aos novos tipos de lumes así como aos avances que houbo tanto na loita como na prevención de incendios'.
Foto de la tercera plana (tecnoloxia-cuantica.jpg) Galicia é a rexión que máis solicitudes presentou en Europa para participar en proxectos interrexionais de I+D+i. Así o indican os datos da Vanguard Initiative, alianza europea da que a nosa Comunidade forma parte, xunto a outras rexións, para estimular o crecemento europeo da I+D+i a través da colaboración entre territorios de distintos países e a especialización intelixente. Precisamente a Xunta vén de publicar a convocatoria VInnovate Galicia, unha liña de axudas para organismos de investigación e empresas que presenten proxectos con outras rexións. Para poder candidatar á convocatoria VInnovate Galicia da Xunta, cuxo prazo de presentación de propostas está aberto desde hoxe ata o 19 de outubro, os posibles participantes teñen que presentarse antes á fase europea.

Notas

A iTERRA Night 2026 achegará o 25 de setembro a investigación que se realiza dende o Instituto de Saúde Global e Desenvolvemento Sostible do Campus Terra da USC á cidadanía a través dunha tarde de ciencia, experimentación e aprendizaxe para diferentes idades. A iniciativa desenvólvese no soto da Praza de Abastos lucense como evento asociado á European Researchers’ Night, unha iniciativa das Marie Skłodowska-Curie Actions (MSCA).
Os laboratorios do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo (CINBIO), pertencente á Rede Cigus, volveron converterse nun espazo aberto á cidadanía coa celebración dunha nova edición da súa xornada de portas abertas, unha iniciativa integrada no programa de divulgación científica Ciencia con C de CINBIO. Máis de 80 persoas de diferentes idades participaron nesta actividade, deseñada para achegar a investigación que se desenvolve no centro ao público dun xeito participativo e próximo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES