
Ademais, nesta emisión houbo unha importante presenza de investidores estranxeiros de alta calidade, o que demostra a solvencia da Comunidade Autónoma. De feito, máis da metade do volume da emisión foi para investidores de fóra de España.
Galicia volve aos mercados pola mellora das condicións que estes ofrecen, cunha redución significativa dos diferenciais que a Xunta quere aproveitar para afondar na reestruturación da débeda, e tamén polo actual contexto de mercado, con abundante liquidez. Ademais, Galicia considera que deste xeito estará en mellores condicións para afrontar a supresión dos mecanismos de facilidade para o financiamento.
Non obstante, Galicia volverá aos mercados de xeito progresivo e por iso en 2019 combinará as emisións nos mercados coa adhesión ao Fondo de Facilidade Financeira, reservado ás comunidades cumpridoras. O Ministerio de Facenda estableceu unha serie de requisitos para combinar ambos mecanismos, e Galicia cumpre todos estes requisitos: cumpre os obxectivos de estabilidade (déficit, débeda e regra de gasto), cumpre o Período de Pago a Provedores Galicia é a comunidade que mellor paga as súas facturas e ten polo menos unha cualificación crediticia de grao de investimento.
Comunidade de referencia no control do endebedamento
Galicia é a comunidade autónoma de referencia no control do seu endebedamento, que permanece totalmente estabilizado desde 2014 e que no peche de 2018 volverá baixar. A xestión rigorosa da Xunta ten evitado que Galicia emitise 4.000 millóns de euros, xa que é a comunidade autónoma que menos incrementou o seu volume de débeda desde o ano 2008.
Ademais, segundo as últimas estimacións da Consellería de Facenda, Galicia pechará o exercicio 2018 reducindo a súa ratio de débeda/PIB ata o 18,1%, polo que seguirá sendo unha das comunidades autónomas menos endebedadas de toda España.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.