Noticias

Educación lanza o II macrocuestionario on line sobre convivencia nas aulas, dispoñible xa para toda a comunidade educativa

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional lanza o II macrocuestionario on line sobre convivencia nas aulas, co fin de actualizar os datos obtidos na primeira edición deste cuestionario elaborado a finais de 2015 e que no seu momento serviu para obter, por primeira vez, unha radiografía da situación dos centros escolares de Galicia. Trátase, por tanto, de testar o pulso da convivencia de xeito continuado no tempo e coñecer a súa evolución, co obxectivo último de deseñar medidas específicas a prol da convivencia escolar que sexan o máis axeitadas á realidade existente.

Este macrocuestionario está dirixido ao conxunto da comunidade escolar, un colectivo dunhas 500.000 persoas entre as que se inclúen alumnado a partir de 5º curso de primaria, docentes, familias e persoal non docente, e para todas as etapas educativas (infantil, primaria, secundaria, FP, Bacharelato, escolas de idiomas e conservatorios de música).

O cuestionario -que xa está dispoñible- cóbrese a través dunha aplicación informática específica en liña, e son os directores dos propios centros os encargados de xerar as claves de acceso para todos os membros da súa comunidade educativa, de xeito totalmente aleatorio, garantindo así o anonimato dos participantes. Deste xeito, os destinatarios poden acceder ao cuestionario -coas claves aleatorias que lle asinen- a través de calquera dispositivo electrónico (ordenadores, móbiles, tabletas,…).

Trátase dun proceso totalmente privado e anónimo e, co fin de acadar os resultados máis obxectivos posibles, o contido das preguntas coñecerano cada un dos participantes no proceso no mesmo momento en que decide cubrir o cuestionario.

Para manter a súa fiabilidade, validez e consistencia interna, mantense o groso das preguntas da primeira edición, que están deseñadas en función do colectivo ao que van dirixidas.

Non obstante, introducíronse algúns cambios como a eliminación de ítems iniciais que non tiveron incidencia no estudo, e amplíanse preguntas sobre aspectos que, desde esa última enquisa, se teñen amosado como clave na escolaridade e que axuden aos centros a unha diagnose máis exhaustiva que permita unha mellor adaptación os seus propios plans de igualdade.

En total hai sete tipos de cuestionarios distintos en función do colectivo aos que vai dirixido, con menos de 20 preguntas sinxelas e directas por documento, polo que o tempo estimado para cubrilo é duns dez minutos.

Ao igual que ocorreu co anterior cuestionario, unha vez concluído o proceso, cada centro escolar recibirá os seus resultados debidamente organizados. E, a partir deles, deberá analizar o seu caso particular e implementar o seu propio Plan de Convivencia. A maiores, a Consellería realizará unha análise global da convivencia escolar en Galicia que sirva para orientar a toma de decisións desde evidencias sólidas.

Esta acción enmárcase dentro da Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020 “educonvives.gal”, para afondar en medidas a prol dunha escola inclusiva e da mellora no clima nas aulas da nosa comunidade.

R., 2019-02-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (coralinda-elefante-elegante.jpg) Coralinda é unha comedia xestual dirixida a público familiar e infantil. A través dunha linguaxe xestual fundamentada na manipulación de obxectos e na interacción constante co dispositivo escénico, a obra constrúe un universo cómico e poético que transita do realismo á hipérbole da vida cotiá. Unha proposta escénica ao estilo dos debuxos animados que aborda a temática da inmigración e do medio ambiente desde o humor, a poesía visual e a emoción. A obra convida a reflexionar sobre as experiencias das persoas que viaxan lonxe da súa terra.
Foto de la tercera plana (festival.jpg) Foi presentadoo o novo festival Sons de Vigo que se celebrará do 27 de marzo ao 4 de abril no Ifevi. Este evento aposta tanto por grandes nomes do panorama nacional como por artistas locais da escena galega. A presentación, celebrada no Paseo das Avenidas, xunto ao monumento a Julio Verne como un dos símbolos de Vigo, contou coa actuación de Castle e Milutxo, músicos locais que ofreceron varios dos seus temas. Sons de Galicia forma parte da programación dos Concertos do Xacobeo organizados pola Xunta de Galicia, unha iniciativa que impulsa a celebración de grandes citas musicais en Galicia. O ciclo comezará o 27 de marzo con Lingua Urbana, un dos cinco eventos musicais que acollerá o Ifevi dentro desta programación.

Notas

Os 'Encontros de Lúa Chea', un programa de debate sobre cuestións de actualidade organizado polo colectivo universitario Proxéctate en Galego e incluído dentro da programación da Primavera Cultural, ofrece o xoves 26 de marzo, ás 19.00 horas, na cafetaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, o faladoiro ‘Medios de comunicación: información ou desinformación na era das fake news'.
A Área de Normalización Lingüística da UVigo, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, organiza entre os meses de marzo de abril a 3ª edición do ciclo A lingua galega no cinema, que inclúe a proxección dunha decena de pezas audiovisuais entre documentais, curtas, animación e longametraxes. O ciclo arrancará o luns 23 coa proxección, do documental 'Ramón Otero Pedrayo, dereito á paisaxe', dirixido pola catedrática da UVigo María José Bravo Bosch.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES