Noticias

'Soy libre para correr': unha cita co deporte ao aire libre e a reivindicación pola igualdade, o 10 de marzo en Ourense

As rúas da cidade acollerán, o vindeiro 10 de marzo, a carreira popular 'Soy libre para correr”, un evento para fomentar o deporte inclusivo, escapando dos distintos roles de xénero no deporte, e sobre todo para reivindicar confianza e seguridade no uso dos espazos públicos. A carreira, con saída -ás 11:00 horas- e chegada á Praza Maior, está organizada polo club BOX001 – RunManiak co apoio do Concello de Ourense, Nissan Roferourense e Caixabank. O nome da carreira recolle o nome acuñado polo grupo de corredoras do club BOX001 – RunManiak no acto público de repulsa polo asasinato de Laura Luelmo.

“Somos libres para correr e debemos reivindicar precisamente a nosa liberdade, o noso dereito a correr, como a nosa liberdade para vivir en plenitude, e exercer os nosos dereitos, a vivir en equidade, sen ningún tipo de discriminación por motivos de xénero ou condición”, aseguraba Jesús Vázquez, alcalde de Ourense, na presentación da proba. “Saír a correr, ben por afección ao deporte ou ben como unha oportunidade de expresar o compromiso de cantas persoas viven nunha cidade que cre na igualdade e que quere seguir avanzando na corrección das desigualdades”, dixo.

O nome da carreira recolle o nome acuñado polo grupo de corredoras do club BOX001 – RunManiak no acto público de repulsa polo asasinato de Laura Luelmo, e que congregou de xeito espontáneo a centos de corredoras e corredores da cidade reclamando non ter medo á hora de facer deporte. É, polo tanto, unha convocatoria aberta para todas as persoas ás que lles apaixona correr e facer deporte nos nosos espazos naturais.

O percorrido, que “convida á participación”, en palabras do rexedor, percorrerá o centro da cidade polas seguintes rúas: Avda. Pontevedra, Desengano, Praza de Abastos, Paseo do Barbaña, Portocarreiro, Pardo de Cela, Paseo do Barbaña, Portocarreiro, Pura e Dora, Carriarico, Burgas, Bailén Colón, 2 de maio, Xullo Prieto Nespereira, Praza de San Cosme, Hernán Cortés, Praza do Trigo, Cardeal Cisneros, Fornos, Praza do Ferro, Sto. Domingo, Bedoya, Paseo, Lamas Carvajal e chegada á Praza Maior onde estará tamén a zona de avituallamentos.

Na rolda de prensa estiveron presentes, ademais do alcalde de Ourense, a concelleira de Igualdade, Sofía Godoy, o de Deportes, Mario Guede, o xerente do Consello Municipal de Deportes, Mario González, responsables do club organizador Box001 – Runmaniak, Lalo Arce Amor e José Manuel Regueiro Bolaño, e os representantes de Caixabank, Pablo Casas, e Nissan Roferourense, Alberto Barreiros.

R., 2019-02-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES